A Xunta adxudica en 51.000 euros outra fase de restauración da igrexa de Palio

La Voz LALÍN / LA VOZ

DEZA

MIGUEL SOUTO

03 mares 2020 . Actualizado ás 21:33 h.

A Xunta de Galicia acaba de adxudicar as obras da segunda fase de restauración da igrexa de Santa Baia de Palio, cun importe de licitación superior aos 51.000 euros. Os traballos centraranse principalmente nos paramentos e na tribuna do templo, que está incluído no catálogo de patrimonio cultural de Galicia.

O obxectivo das melloras é pór en valor o templo para que poida ser empregado como recurso para a promoción sociocultural e económica da zona. Para logralo, nesta segunda fase acometerase o acabado de fachadas con morteiro de cal en zonas de perpiaño, e revogo de morteiro de cal nas demais. Recolocarase restaurada a tribuna de madeira desmontada na primeira fase e executaranse instalación eléctrica e iluminación do interior do edificio. Tamén se restaurará o muro do atrio, semiderruido nalgún punto, así como o pavimento antigo do atrio, con instalación doutro novo cun muro de granito a modo de banco. En anteriores obras investíronse en Palio 175.000 euros.