O PSOE di que a Feira do Cocido deixou de ser de todos para ser un acto do PP

La Voz

DEZA

miguel souto

19 feb 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O PSOE mantivo respecto institucional e político sobre a organización e programación da Feira do Cocido, polo que esta representa para Lalín e a dedicación que precisa para facela realidade. Pasada a festa, o grupo municipal pronúnciase para «denunciar a volta do evento gastronómico aos seus máis rancios e pretéritos tempos, por mor dun goberno municipal que reconverteu a feira nun maiúsculo acto político propagandístico ao servizo do PP». Consideran que a valoración de Crespo mostra que vive nunha realidade paralela polo seu afán de protagonismo, xa que en opinión dos socialistas a Lalín regresou un Cocido de dúas velocidades: a do pobo, dinámico, humilde e que sempre responde ; e a das capas, o aparato e a utilización da feira como instrumento de promoción política do PP: «A Feira do Cocido xa non é de todos e volve ser duns poucos elexidos».

Reflícteno na Encomenda do Cocido, que sendo en teoría unha entidade privada á marxe do Concello volve empregar medios públicos como medio de promoción de Crespo. Expoñen que o Concello gastou desde o seu iniciou uns 50.000 euros só en confección de capas. Aluden ao palco repleto de autoridades na súa maioría do PP, e que co anterior goberno declinaban estar. Falan de uso electoralista ao anunciar que Feijoo será pregoeiro en 2021.

Din que os cambios foron signos de politización, e a cidadanía respondeu coa menor asistencia en cinco anos, apuntan. Tamén cuestionan a volta da gala televisiva, retirada na etapa do anterior goberno por intereses partidistas coa escusa de TVG de que era inviable economicamente. Cargan contra o toque solidario cando o Concello gasta 30.000 euros en organizala, e din que promocionou a alcalde e Román Rodríguez. O PSOE recoñece o traballo e implicación de todo Lalín na feira, e citan a parroquias e entidades que participaron coas súas carrozas demostrando gran nivel.

PAC contou 9 cargos do PP

En termos similares expresouse PAC, que contou 9 cargos do PP no Cocido: 6 deles foron en lista das últimas autonómicas.