Alain Michaud, membro do comité de Lalinde: «Pecharemos o programa trianual en Austria, en maio»

amelia ferreiroa LALÍN /LA VOZ

DEZA

MIGUEL SOUTO

Ao encontro están invitados concellos e integrantes dos distintos comités da federación de Linden

18 feb 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Leva vinte anos asistindo asiduamente á Feira do Cocido de Lalín, e non quixo perderse a pasada edición; «e máis agora que ten carácter internacional e que é moi importante para nós». Son palabras de Alain Michaud, membro do Comité de Irmandamento de Lalinde que antes de regresar a Francia deixou constancia das próximas citas que afrontarán os representantes das vilas hermanadas.

-Como se presenta este exercicio en canto a encontros?

-Este será un ano rico xa que contaremos con dous eventos importantes. O primeiro será un encontro de membros de cada comité e de representantes dos distintos concellos. Pecharemos o programa trianual en Austria, en maio, concretamente do 20 ao 24. Aproveitei para comentar o tema co alcalde de Lalín, e agardo que se poida desprazar a Austria e se non é posible pola súa banda que o faga a tenente alcalde.

-Fixarán o calendario completo de actos?

-É a intención. A reunión, que terá lugar en Saint Gerorge and Walde, que é o pobo máis pequeno das localidades que pertencen á federación está preto dos Alpes, e alí será onde se fale dos próximos eventos a celebrar nos próximos tres anos. É un encontro moi importante por iso é polo que se inviten aos concellos para marcar os proxectos. Posteriormente no verán haberá o encontro de mozos, que nesta ocasión se desenvolverá en Alemaña; na vila de Holstein, preto de Dinamarca. Como é habitual poderán acudir doce mozos, de entre 15 e 20 anos, de cada país. O último encontro de mocidade foi en Francia e resultou moi emotivo. Houbo moitas bágoas na despedida dos mozos.

-Coñece a temática sobre a que virará o encontro?

-Non. Será no próximo mes de maio cando o saibamos. Sempre se aposta por cuestións de gran interese a nivel europeo. Así o ano pasado tratáronse as enerxías renovables e antes foi, por exemplo, a seguridade das mulleres. As temáticas próximas a tratar fixaranse na próxima reunión que manteñamos todos.

-Algúns de vostedes levan máis de dúas décadas nos comités de irmandamentos pero, hai substitución xeracional?

-Non tanto como queremos. Non é a cousa máis doado do mundo atopar xente nova que queira entrar nos comités de irmandamentos, pero tamén hai que quecir que temos máis participación que antes por parte da mocidade europea. En Lalín, por exemplo, unha persoa moi importante en todo isto é Julio Varela; que coñecedes todos, pero tería que haber máis xente implicada tanto aquí como nos demais países que se aglutinan na federación.

-O futuro da federación é sólido?

-Agardo que o sexa. A palabra Europa é moi importante para nós e temos que seguir traballando nese sentido e apostar polos intercambios e as colaboracións entre países europeos.