O Lalinense prepara unha visita decisiva a Lanzarote o día 1

DEZA

miguel souto

A inesperada derrota do Chapela en casa supón ampliar o colchón dos dezáns

28 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O Lalinense está xa inmerso na preparación da súa visita á cancha do Lanzarote este próximo sábado. Un duelo transcendental para ambos os conxuntos, xa que o gañador sairá reforzado nas súas aspiracións tanto do título no seu grupo da Primeira Nacional de balonmán como na consecución dunha das dúas prazas para xogar a promoción á Prata. Ambos os conxuntos chegan tras senllas vitorias cómodas, en especial a dos dezáns, que apenas atoparon oposición este pasado sábado no Area por parte do OAR coruñés.

A xornada deparou unha dobre alegría para o conxunto adestrador por Pablo Cacheda. Ao seu triunfo, que lles mantén como líderes en solitario co Lanzarote a dous puntos aínda que cun partido menos, sumouse a inesperada derrota encaixada por outro dos aspirantes da parte alta. O Chapela perdía ademais na súa cancha, neste caso fronte á Cañiza. Desta forma os roxinegros ampliaron a tres os seus puntos de vantaxe sobre os vigueses, mentres que o cuarto en discordia, o Xiria, si cumpriu ante os ourensáns e seguen na cuarta praza, a catro puntos do Lalinense.

O choque do día 1 permitirá avaliar a fortaleza dos dezáns para conseguir dunha vez por todas polo menos xogar a fase de ascenso. Un conxunto máis goleador que o Lanzarote, mentres os locais se mostran un pouco mellor en defensa. E está a incógnita de como afectará a viaxe.