Piden que a nova concesión de bus conecte A Estrada cos hospitais

Rocío García Martínez
rocío garcía A Estrada / LA VOZ

DEZA

miguel souto

Móvete considera inadmisible que a viaxe a Santiago leve case unha hora

25 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Móvete (Movemento Veciñal Estradense) pide que se aproveite a apertura do novo proceso de licitación das concesións do transporte público na comarca de Tabeirós-Terra de Montes e a contorna de Santiago para mellorar o servizo aos estradenses.

Segundo Móvete, o servizo de transporte público ten agora no municipio moitas carencias que impiden que unha persoa poida planificar os seus desprazamentos habituais con este sistema. A portavoz, Mar Blanco , destaca que «nin tan sequera estamos conectados directamente coa área sanitaria de Santiago nin temos unha rede de transporte colectivo que garanta a mobilidade entre o rural e a vila».

Incompatibilidade laboral

Segundo explica Móvete, existen dificultades para combinar o horario laboral de moitos estradenses cos horarios dos autobuses, polo que sería preciso incrementar o número de frecuencias e non reducilo na época estival, como viña facendo habitualmente.

A formación progresista asegura, ademais, que os autobuses actuais son vellos, atópanse en malas condicións, son pouco fiables e «de xeito habitual dan problemas durante a viaxe». Cita demais inconvenientes de puntualidade e accesibilidade.

Móvete pide tamén que se mellore a competitividade en tempos. «Desde A Estrada a Santiago, que hai 20 quilómetros, leva case unha hora, ou sen case se é hora punta», lamentan. A formación insiste en que non existen conexións cos hospitais da área sanitaria de Santiago ou cos polígonos. «O feito de carecer de conexións cos hospitais supón unha eiva para moita xente maior, que non pode conducir, que ten que recurrir a un taxi para acceder ao hospital», destaca.

Por outra banda, a formación critica as escasas combinacións e o custo excesivo das viaxes en transporte público a Pontevedra.

Para rematar, Mar Blanco pide que se cre unha rede de transporte público colectivo que garanta a mobilidade entres as parroquias da zona rural e o centro urbano.