A oficina silledense atendeu a 74 afectados por avarías telefónicas do temporal

La Voz LALÍN / LA VOZ

DEZA

25 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

A oficina que abriu o Concello de Silleda o pasado día 8, para atender aos afectados polas avarías nas liñas telefónicas provocadas polo temporal, atendeu a 74 usuarios. As avarías rexistráronse en catorce parroquias. A zona de maior incidencia foi a de Escuadro, onde se contabilizaron dezaoito avarías; en Graba , catorce; en Moalde sete; oito en Silleda e seis en Xestoso. Seguíronlle Fiestras, Laro, Margaride, Manduas, Oleiros, Cortegada, Breixa, Lamela e Taboada.

Desde o Concello apuntan que en lugares como Meda, Santa Mariña, Soldecasa ou Xestoso, o dano foi practicamente total. Estes foron causados por un forte temporal con aparello eléctrico e tormenta que se produciu na noite do 18 ao 19 de decembro e que deixou incomunicadas a familias e usuarios do rural que só dispoñen de teléfono fixo.

O rexedor, Manuel Cuíña, agradecía onte a José Antonio Blanco Fernández, xefe do departamento de reclamacións de Telefónica para a zona norte a rapidez coa que se foron solucionando os casos máis graves. O 95 % da liña era de Movistar, apuntou o alcalde.

Desde o Concello advertiron que, unha vez abriuse a oficina tras coñecerse a existencia de incidencias, polo menos sete usuarios do servizo de Teleasistencia estaban entre os afectados. Estes rexistráronse en Graba , Festas, Escuadro, Oleiros, Toxa (Silleda), Cortegada e Breixa. Moitos dos afectados eran persoas maiores que vivían sos ou en parella e que, nalgúns casos superaban os 90 anos. A estas denuncias sumáronse as realizadas por ganderías e explotacións de vacún que necesitaban Internet e liña fixa para desenvolver as súas actividades. Cuíña indica que « a día de hoxe, salvo algúns flocos, están todos vos casos atendidos» e que se atenderon os máis urxentes canto antes subliñando a comunicación directa e personalizada con cada un dos afectados por parte da empresa encargada de levar a cabo as reparacións.

Indicou que houbo tamén algúns casos de afectados o temporal noutros municipios que acudiron á oficina aberta polo Concello de Silleda.

O rexedor mostrouse onte moi satisfeito co resultado desta iniciativa que foi levada a cabo a través da Omic.