Un incendio nun cortello en Cumeiro descubriu unha plantación de marihuana

La Voz LALÍN / LA VOZ

DEZA

GARDA CIVIL

O cortello estaba pegado a unha casa, propiedade dunha parella, e a un alpendre

25 ene 2020 . Actualizado ás 11:55 h.

Ás 18.29 horas deste venres, un veciño que viu fume alertou ao 112 dun incendio nun cortello no lugar de Garnil, na parroquia de Cumeiro, no municipio de Vila de Cruces. Ata alí se desprazaron os bombeiros do parque intercomarcal, Efectivos de Emerxencias de Lalín, Protección Civil de Vila de Cruces e a Garda Civil.

A sorpresa foi que no interior se atoparon cunha plantación indoor, de cultivos en interior, de marihuana. Crese que o incendio puido deberse a algún curtocircuíto na instalación eléctrica que foi a que ardeu e viuse afectada as chamas, ademais dunha pequena parte da instalación.

O cortello estaba pegado a unha casa, propiedade dunha parella, e a un alpendre. Por fóra nada facía sospeitar do que albergaba no interior.

As forzas de seguridade atopáronse cun habitáculo perfectamente preparado, coas paredes cubertas de material illante para axudar a manter a temperatura e a humidade que requiren estas plantas para crecer.

Como é habitual neste tipo de plantacións de interior, a zona contaba con habitáculos compartimentados e unha instalación eléctrica con numerosos focos e lámpadas que dan calor ás plantas, así como medidores de temperatura e de humidade para controlar a evolución das plantas. Calcúlase que a superficie da plantación podía situarse ao redor dos 100 metros cadrados. Unha vez detectada, a Garda Civil iniciou os labores de corte das plantas que aínda estaban en bo estado e as actuacións correspondentes dentro da investigación iniciada.