A fibra óptica chegará ao 90 % dos cidadáns das comarcas en 2021

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

DEZA

EDUARDO PEREZ

Este ano uns 5.500 veciños de 38 núcleos accederán a unha rede de ata 100 megas

19 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Máis de 17.000 veciños de preto de 400 núcleos de poboación dos nove concellos que integran as comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes disporán no 2021 de acceso a conexións de Internet ultrarrápidas, grazas ás actuacións que se están levando a cabo de forma conxunta entre a Xunta e o Estado. Ambas as administracións están subvencionando a extensión de fibra nas denominadas zonas brancas, ou o que é o mesmo, en zonas nas que non existe cobertura dun mínimo de 30 megas e onde as operadoras de telefonía non teñen aínda previsto legar.

Con estes traballos, apuntan desde a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), está previsto que se cubra case o 99 % dos núcleos que teñen menos de 300 habitantes e ao 98 % dos que contan mesmo con menos de 150 veciños.

O despregamento en marcha permitirá que xa este ano, preto de 5.500 veciños de 38 núcleos das comarcas dispoñan xa de acceso a Internet cunha velocidade de ata os 100 megas. A cobertura, indican desde Amtega, ampliarase a outros 310 núcleos e máis de 9.000 veciños co despregamento de fibra óptica que continuará ao longo do 2021 na zona.

As actuacións encádranse dentro do Plan de Banda Longa da Xunta e están co financiadas con Fondos Feder, ás que se suman as actuacións incluídas dentro do plan estatal. Ambas garantirán que máis de 720.000 galegos dun total de 310 concellos que carecen de acceso a redes ultrarrápidas poidan ter unha cobertura de 100 megas de velocidade no 2021.

En total os plans autonómicos e estatal supoñen un investimento público de máis de cen millóns de euros destinados a incentivar a extensión da fibra óptica en núcleos que non dispoñen desta tecnoloxía e que non existía aínda previsión de que puidesen contar con ela.

Ambas as medidas garantirán, indican desde Amtega, que o 90 % dos veciños dos municipios galegos poidan ter acceso a redes de máis de 100 megas. Unha porcentaxe que se agarda incrementar en próximos anos a través de novas convocatorias por parte do Estado que vaian ampliando a rede.

Actuacións de mellora de cobertura móbil no rural

En Lalín, a final de ano, empezouse a estender a fibra óptica a un total de 75 núcleos rurais de Lalín. A rede de alta velocidade xa se está contratando e despregando tamén en Rodeiro, entre outros lugares da zona. Paralelamente, Xunta e Fegamp asinaron a fin de ano un acordo de colaboración que permitirá ás entidades locais adherirse a unha iniciativa autonómica destinada a mellorar as comunicacións de móbiles no rural.

Na comarca aínda existen zonas de sombra nas que non hai cobertura. O prazo de solicitudes abriuse a principios do mes de xaneiro e estará aberto ata mediados do mes de febreiro. Os municipios interesados poden facer as súas peticións de adhesión a través da Fegamp.

Para optar a esta iniciativa esíxese que os concellos presenten un proxecto no que se inclúa información de zonas nas que teñan constancia de que existen deficiencias na cobertura. Deberán a demais, pór a disposición un terreo adecuado para a instalación de infraestruturas de telecomunicación e adoptar o compromiso de levar a cabo a acometida eléctrica necesaria, e para a que poderán solicitar unha axuda dun máximo de 30.000 euros. Os concellos que cumpran os requisitos, entre os que se inclúe ter deficiencias en cobertura en base ao mapa elaborado por Amtega en colaboración co Colexio De Enxeñería de Telecomunicacións de Galicia, integraranse nun proxecto que desenvolverá Retegal. A adxudicación do mesmo está previsto para finais do primeiro semestre deste ano. Enfócase, a núcleos, de poucos habitantes, algúns con gran circulación de turistas ou peregrinos

Cobertura nos parques empresariais de Silleda, Toedo, Botos, Vila de Cruces e Agolada

Á extensión de fibra óptica nos núcleos de poboación, especialmente no rural, súmanse as levadas a cabo nos polígonos industriais e a axuda a empresas illadas no rural. Unhas actuacións que forman tamén parte do Plan de Banda Longa da Xunta 2020.

Nas comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes xa contan con esta cobertura os parques empresariais de Silleda, o de Toedo no municipio da Estrada, o de Botos en Lalín, o do Camballón de Vila de Cruces e o polígono de Agolada. O plan permitiu dotar de cobertura a un total de 81 polígonos de toda Galicia con redes de ata 350 megas. Estes súmanse aos que xa posúen redes ultrarrápidas e que, segundo Amtega, representa o 93 % da superficie empresarial.

Contar cunha rede de acceso a Internet cunha boa velocidade é tamén vital para os centros educativos.

En colaboración co Estado, a Xunta desenvolveu o plan Escolar Conectadas que permitiu completar a dotación de redes de 100 Mbps a todos os centros públicos de Primaria e Secundaria.