O festival de cine de terror Panic arrinca hoxe cun maratón de catro películas

La Voz

DEZA

Juan Pedro Pérez

17 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O festival Panic da Estrada alzará hoxe o pano cun maratón de cine de terror no que se proxectarán catro películas. Os pases, nos Minicines Central, comezarán ás doce da noite e prolongaranse ata as oito da mañá do sábado. A entrada será gratuíta e os asistentes serán libres de acudir en pixama, como xa ocorreu en edicións anteriores.

A medianoite comezará o maratón co filme Cadáver, unha cinta sobre un estarrecedor exorcismo que acaba coa vida dunha nova e cun corpo na morgue posuído por unha forza demoníaca.

Á 1.30 proxectarase Zombieland: mata e remata. O grupo de protagonistas terá que viaxar desde a Casa Blanca ao corazón dos Estados Unidos sobrevivindo a novas clases de mortos viventes e a algúns sobreviventes humanos atrasados.

Inferno baixo as augas comezará ás 4.00, sobre un temporal de categoría 5 con dous protagonistas atrapados por unha inundación e algunhas sorpresas maiores.

Para rematar, ás 5.30 será o pase de Re-Animator , unha cinta sobre un científico en busca dunha fórmula para reanimar aos mortos.