Educación licitará a mellora dos talleres do Antón Losada este ano

Rocío García Martínez
rocío garcía A Estrada / LA VOZ

DEZA

miguel souto

A construción de novas aulas no instituto terá que agardar polo menos ao 2021

14 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, anunciou a licitación da reforma dos talleres de automoción do IES Antón Losada Diéguez durante o ano que acaba de comezar. Pomar avanza que a licitación se producirá no segundo semestre do ano, polo que as obras non poderán executarse durante o verán, aproveitando o parón docente. Segundo a conselleira, comezarían, se todo vai ben, cara a finais do ano 2020.

Neste momento, a Consellería de Educación traballa na redacción do proxecto, que ademais da remodelación total do edificio que alberga o ciclo básico de Mantemento de vehículos e o medio de Electromecánica de automóbiles inclúe o acondicionamento de aseos e vestiarios masculinos e a creación de vestiarios femininos. Segundo os cálculos dos técnicos, o investimento roldará os 250.000 euros.

O proxecto non inclúe a construción de novas aulas, que tamén fora comprometida pola Xunta para dar cabida ao crecente alumnado do centro. Estaba previsto dar unha altura máis a unha das ás do edificio para gañar espazo para aulas, pero non será no 2020. Pese ao compromiso existente, os orzamentos da Xunta para este ano só contemplan 50.000 euros para o ano que acaba de arrincar e reservan o groso da partida (450.000 euros) para o 2021.

Con estas cifras resulta imposible acometer no 2020 as obras dos talleres e as de ampliación de aulas.

Por outra banda, o centro necesita tamén novos espazos para ampliar os talleres do ciclo de Carpintería e Moble. Por varias razóns. Porque o ciclo medio gañou alumnos nos últimos anos, porque este curso se implantou o primeiro ano dun ciclo básico da rama que o ano que vén terá xa dous cursos e porque o IES pretende ofertar ademais no 2020-2021 unha FP dual de grao medio ou superior de Montaxe e Amoblamento. O centro solicitou o uso dun dos pavillóns feirais do recinto da Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada, onde xa conta cun taller fóra da área de exposicións que agora queda escaso. Polo momento, o IES aínda non obtivo resposta.

Segundo o alcalde estradense, José López, o asunto abordarase na próxima reunión do padroado presidida pola directora xeral de Comercio, Sol María Vázquez Abeal -que na última convocatoria non estivo por asuntos persoais-, xa que o calado do tema esixe a súa presenza. No entanto, se o padroado decide non ceder espazos para o ciclo no recinto feiral, López comprometeuse a conseguilos noutro ámbito para non perder a oportunidade de axustar a formación laboral na capital galega do moble á demanda das empresas locais, que teñen problemas para conseguir man de obra cualificada.

Unha mostra para decidir o futuro profesional

Pomar inaugurou no recinto feiral estradense a I Mostra de Orientación Educativa e Profesional, que continúa hoxe e mañá. Dá a coñecer a oferta de estudos dos centros do municipio, a das Universidades de Santiago, A Coruña ou Navarra, o Centro Superior de Hostalería ou as Forzas Armadas. Inclúe ademais charlas e talleres para axudar aos mozos a orientar o seu futuro profesional.