Estafas, roubos e droga centraron as operacións da Garda Civil

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

DEZA

miguel souto

Espá, Ciao-Estribo ou Festín foron os nomes dalgunhas das operacións

05 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O peche do ano guinda un balance frutífero para os corpos de seguridade da zona que pecharon unha longa lista de operacións que se saldaron cun bo número de detidos e delitos esclarecidos. Entre eles destacan as estafas e os roubos, xunto coas destinadas a perseguir o tráfico de droga. Estribo, Espá ou Festín son o nome dalgunhas das operacións realizadas ao longo do 2019.

No marco da operación Ciao-Estribo, que se pechou en xullo, e desenvolvida conxuntamente polo equipo de Policía Xudicial da Garda Civil de Lalín, a Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Comandancia da Garda Civil Pontevedra e axentes da Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal da Policía Nacional de Xaén, foron detidas un total de 21 persoas, embargáronse 78 contas bancarias e esclareceuse o branqueo de máis de 4,8 millóns de euros.

Denuncias en Lalín e Xaén

A investigación iniciouse cunha denuncia en Lalín por parte dunha empresa que sufriu dúas estafas por un importe de 23.645 euros e de 3.479 euros, respectivamente. En Xaén un empresario denunciou outra, neste caso por un montante maior, de 132.000 euros. No marco da operación incautáronse ademais vehículos de alta gama, yoyas, documentación e aparellos electrónicos. Unha vez que se facían co diñeiro das vítimas, os presuntos autores desviábano a numerosas contas correntes que abrían con documentación falsa e que tiña como destino final empresas de cerámica situadas en Castelló. A organización levaba a cabo a súa actividade en España, Holanda, Chipre, Curaçao, Ucraína, México, Suíza, Alemaña, Dinamarca, Singapur , Reino Unido e Estados Unidos.

Coa operación Espá desmantelouse outra organización criminal organizada dedicada principalmente ao roubo de vivendas e á que se lle achacaban 98 delitos cometidos en distintas zonas das provincias de Lugo e Pontevedra. A operación tomou o nome de Espá polo balneario de Guitiriz onde se cometeron varios roubos a finais do 2018 aproveitando que o establecemento xa non estaba en funcionamento. A Policía Xudicial vinculou a un grupo de persoas asentadas na Estrada con estes roubos. Saldouse con sete detidos o 1 de abril. Dous eran veciños de Padrón, dous residían en Portas e os outros en Caldas de Reis e Campolameiro. Acusábaselles de delitos de roubo con violencia, con forza, furto, extorsión, ameazas e pertencía a grupo criminal. En Deza, esclarecéronse roubos cometidos na Estrada, Forcarei, Lalín, Agolada, Dozón e Silleda. O botín incluía todo tipo de cousas desde diñeiro a xoias pasando por vehículos, ferramentas, electrodomésticos e obxectos de decoración.

Recuperación de obxectos

Todo o recuperado expúxose no cuartel da Garda Civil de Lalín. O roubado valorouse nuns 125.360 euros. Roubaban ademais cobre do tendido telefónico. A Policía Xudicial empezou a tirar do fío tras un golpe encadrado dentro da operación Dumbrava cun roubo con violencia e intimidación na Estrada.

A operación Festín foi realizada polo equipo de Policía Xudicial de Lalín en coordinación con Policía Xudicial de Ourense e Asturias e investigaba roubos cometidos en Asturias, Galicia e León. Froito desta operación foi a detención de 11 persoas e un total de 61 delitos esclarecidos, Na provincia de Pontevedra, os roubos producíronse en Lalín, Silleda, A Estrada e Rodeiro. Na maioría dos casos tratábase de roubos en bares, ao que hai que sumar un roubo con violencia na Estrada, no bar América.

Desarticulación

O ano pechouse coa desarticulación dun punto de venda de drogas nun piso da Estrada no que se incautaron de preto de medio quilo de marihuana e haxix. Detívose a unha persoa que vivía no inmoble, neste caso, un veciño da Estrada, de 32 anos con amplos antecedentes policiais, que foi detido a finais do mes de novembro. O Xulgado decretou a súa liberdade provisional con cargos.

A principios do mes de decembro, a Garda Civil levaba a cabo unha importante operación antidroga que se desenvolveu de forma simultánea en varios lugares, un deles no poboado do Vao. A operación, realizada pola USECIC (Unidade de Seguridade Cidadá da Comandancia) da Garda Civil saíu tamén A Estrada co rexistro dun domicilio e a detención dun veciño que foi posto posteriormente en liberdade.