O exsecretario de Otero volve traballar ao Concello de Cruces

Olimpio Pelayo Arca Camba
ou. p. arca LALÍN / LA VOZ

DEZA

cedida

Tras unha sentenza xudicial que estima a súa reclamación laboral, e que o goberno local anuncia xa que recorrerá ante o TSXG

25 novs 2019 . Actualizado ás 21:23 h.

A corporación de Cruces celebrou onte pleno ordinario. Fíxoo no día que José Ramón Otero, exsecretario particular do anterior alcalde Jesús Otero, volvía traballar ao Concello cruceño. A cuestión non pasou desapercibida, e se hai un ano a socialista María del Carmen Silva preguntaba ao goberno local pola reclamación xudicial entón recentemente presentada para ser fixo, onte era ela a interpelada polo BNG sobre o caso. Silva explicou que José Ramón Otero se incorpora como administrativo, aínda que está pendente de decidirse a que área concreta, «en execución provisional de sentenza», que o goberno local recorrerá ante o TSXG. O Concello de Cruces tiña dúas opcións: ou ben readmitir ao traballador, ou ben abonar indemnización por despedimento improcedente.

Man dereita de Jesús Otero

O goberno local optou pola primeira vía, e quen fose man dereita de Jesús Otero ?en alcaldía e Partido Popular?, forma parte xa do persoal municipal: só se chega un fallo contrario do TSXG á sentenza do xulgado pontevedrés apartarao do seu posto de traballo.

O bipartito aprobou, con abstención de PP e BNG, a súa ordenanza para conservación de camiños e vías públicas por onde transiten madeireiros. Desta forma, esixiráselles fianza por se deterioran os camiños nas súas operacións, e de non responder eles, subsidiariamente farano os titulares de parcelas forestais de onde se retirou a madeira. Tamén saíu adiante a modificación da obra para crear un centro sociocultural polivalente en Cruces. Son cambios xa do anterior goberno, ao aparecer deficiencias na adecuación do inmoble á súa nova finalidade.

O BNG incluíu ata cinco mocións por urxencia, aprobadas todas por unanimidade. Foron para reclamar ambulancia medicalizada; para que o CIM estea de forma real polo menos un día á semana en Cruces, sen que as usuarias teñan que ir a Silleda; a creación dunha ludoteca; un proxecto para rematar coas barreiras arquitectónicas; e a actualización da web municipal, da que segundo os nacionalistas pouco máis se puxo ao día que a corporación.

Entre as preguntas formuladas ao goberno, o Bloque preguntou polo desenvolvemento de obras no matadoiro sen seguir o procedemento administrativo correcto. O alcalde ?indicaron os nacionalistas? xustificou a urxencia das reparacións, facendo prevalecer os postos de traballo. Preguntaron ademais pola falta de programación cultural. O goberno avanzou que traballa en CrucesXoga, e un mercadillo do Nadal cos comerciantes.

O pleno comezou cun minuto de silencio para lembrar ao empresario falecido no Pino a pasada semana; e á súa conclusión, cunha concentración contra a violencia machista.