O TSXG desestima un novo recurso dos herdeiros Campos Paseiro contra o Concello da Estrada

La Voz A Estrada / LA VOZ

DEZA

cedida

17 novs 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimou unha nova reclamación presentada polos herdeiros Campos Paseiro contra o Concello da Estrada e a Xunta de Galicia, ao reclamar unha indemnización ao non haber concedido licenza de obra no 2002 para construír en terreos despois expropiados polo goberno local para ampliar a alameda. En concreto interpuxeran recurso de apelación contra a sentenza ditada en xullo do 2019 polo Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Pontevedra, que desestimara un recurso contra a desestimación desa reclamación de responsabilidade patrimonial. Contra o fallo do TSXG cabe interporse recurso de casación ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo, ordenándose ademais aos demandantes o pagamento das costas procesuais, por un máximo de 1.000 euros.

Os herdeiros Campos Paseiro iniciaron un proceso xudicial do que se acaba de coñecer a sentenza en contra dos seus intereses, ante a imposibilidade de materializar a edificabilidade que permitían as normas subsidiarias de 1978 e en base a unha licenza de maio do 2003 para construír nunha parcela onde despois se ampliarían os xardíns municipais. No novo fallo incídese no feito de que non patrimonializaron o dereito á edificación a pesar de ter sido requiridos para emendar o proxecto presentado, que polo menos adoecía de dous defectos, e non facelo nin sequera durante o período en que volveron estar vixentes as determinacións das normas subsidiarias.

O TSXG rebate, por exemplo, un dos argumentos dos recorrentes «sobre o erro na valoración da proba e a desviación de poder» por parte das dúas Administracións demandadas. Para o tribunal, no seu fundamento xurídico cuarto, queda acreditado o interese municipal de adquirir os terreos dos recorrentes para ampliar os xardíns, «pero de aí non cabe extraer a conclusión de que o Concello utilizou as posibilidades que implica a redacción dun novo Plan Xeral para obtelo» e fala de «conxecturas» insuficientes para aceditarlo.