O A Estrada Futsal busca endereitar o rumbo co apoio da súa afección ante Bueu

La Voz A Estrada / LA VOZ

DEZA

Cedida

16 novs 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Dúas derrotas consecutivas e un empate previo, que supuxeron os únicos puntos cedidos polo momento, atrasaron na clasificación ao A Estrada Futsal Inversia. Necesitan endereitar o rumbo e regresar á senda da vitoria, conseguida nas catro primeiras xornadas de liga no seu grupo de Terceira División. Intentará conseguilo hoxe, a partir das 19.00 horas, co apoio da súa afección fronte ao Bueu.

O conxunto que adestra Paco Garabal parte como favorito aínda que non poderá descoidarse. Suma unha vitoria máis que o seu rival, ocupando a sexta posición con trece puntos, mentres o Bueu marcha na novena con dez. Os estradenses necesitan sumar hoxe tres máis.

O cadro feminino terá partido a domicilio, enfrontándose hoxe, a partir das 17.00 horas, co Monterroso. As pupilas de Marcos Sesar teñen moitas opcións de manter a súa imbatibilidade ante as lucenses. Mentres o A Estrada Futsal Pastelería Cervela sumou xa 23 puntos na Preferente Galicia, o seu rival desta tarde só ten seis, con dúas vitorias por seis derrotas, mentres as visitantes acumulan sete partidos gañados e só cedeu dous empates.

Na Preferente Galicia masculina o Agolada xogará mañá domingo na cancha lucense do Casás. Será ás 19.00 horas ante un rival que lle dobra en vitorias, noveno na táboa con trece puntos por só sete que acumulan os dezáns.