Empresarios e emprendedores contan cun novo espazo para os seus proxectos no polígono Área 33

j. b. LALÍN / LA VOZ

DEZA

miguel souto

16 novs 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Empresarios e emprendedores de Silleda contan desde onte cun novo espazo para os seus proxectos no polígono Área 33. Abría as súas portas cun acto oficial o viveiro de empresas promovido polo Concello e cofinanciado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria. O edificio, cun deseño en forma de L para adaptarse á parcela municipal, conta con seis despachos, sala de xuntas, aseos adaptados e espazo de cafetería.

Na inauguración participaron o rexedor, Manuel Cuíña, xunto ao delegado da consellería en Pontevedra, Ignacio Rial, asistindo numerosos empresarios. Rial destacou a boa relación desde o seu departamento co goberno, que posibilitou acometer nos últimos anos melloras en Área 33, ademais ser un dos primeiros municipios galegos en acollerse ao plan Doing Bussines de melloras fiscais desde os concellos para facilitar a implantación de empresas. Resaltou as dificultades nos primeiros anos para os emprendedores e que iniciativas como o viveiro «facilitarán a implantación de entidades de nova creación».+

Manuel Cuíña agradeceu a colaboración autonómica, cunha subvención de 240.000 dos case 400.000 euros que custo este proxecto. Resaltou que a obra foi «feita en tempo marca», sendo moi agardada polo empresariado. O alcalde remarcou a expansión que viviu o polígono, onde «case non hai xa naves baleiras, con grandes proxectos en marcha». «É un polígono dinámico e tanto dende a Xunta como dende ou Concello temos que axudar a que vos novos, vos emprendedores, teñan as mellores posibilidades para medrar o desenvolver as súas ideas».

Durante a súa intervención tamén lembrou iniciativas municipais como o programa de axuda á creación de emprego, significando que nos municipios con viveiros de empresa o éxito dos novos emprendedores aumenta, recuperando as Administracións 5 euros por cada un que se inviste nas instalacións. Mentres, o presidente da asociación de empresarios de Área 33, Juan Carballo, agradeceu o investimento realizado.