Conclúen o ensanche do acceso ao núcleo de Limeres para permitir tráfico simultáneo

La Voz A Estrada / LA VOZ

DEZA

cedida

16 novs 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de concluír a obra de ensanche no acceso ao núcleo de Limeres, na parroquia de Cerdedo, xa que os traballos realizados conseguiron duplicar a anchura existente nesa estreita pista para garantir o tráfico simultáneo de vehículos e evitar así os problemas de colapso na circulación que se producían cando coincidían dous vehículos.

A obra, que supuxo un investimento de 63.000 euros, foi inspeccionada onte polo alcalde, Jorge Cubela, e a concelleira Lourdes Ovelleiro, quen supervisaron os traballos e comprobaron que se incluíron diversos detalles e axustes acordados nas distintas visitas que fixeron durante o transcurso da obra, sempre habituais e que se multiplicaron pola proximidade de vivendas e muros ao redor da pista, polo desnivel existente e polas pequenas dimensións do viario.

O ensanche, que afecta a un tramo de 210 metros de lonxitude, tamén incluíu a construción de potentes muros de contención en pedra para garantir a seguridade da nova vía e do posterior tráfico de vehículos e peonil. Procedeuse ademais a un recheo para a ampliación do viario, a dotación de canalizacións de auga para evitar escorrentías, retranqueo de muros e peches, así como a renovación de toda a capa de rodaxe.

Obras na zona

A obra, que se enmarca nun paquete de actuacións que tamén beneficiou ás parroquias de Quireza, Tomonde e Folgoso, completa a mellora da rede de infraestruturas na zona de Limeres, xa que con anterioridade se acometeron as obras de modernización do acceso principal procedente de Cerdedo, que se dotou de amplas cunetas e dun novo firme cunha partida de 50.000 euros procedentes do plan Marco da Xunta.