López presume de fugas de auga por baixo do tope que fixará a nova lei

Rocío García Martínez
rocío garcía A Estrada / LA VOZ

DEZA

O alcalde di que herdou perdas do 70 % que agora son menores do 20 %

13 oct 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O alcalde estradense, José López, presume dunha rede municipal de augas eficiente e que cumpre xa coa nova normativa proxectada no que se refire ao control das fugas. López fixo estas declaracións en resposta ás advertencias do PSOE local, que lembraba que no 2023 haberá sancións para os concellos con fugas de máis do 20 %.

López lembrou que, desde que o seu grupo accedeu ao goberno, investíronse máis dun millón de euros na reforma e optimización da rede de abastecemento. Segundo explicou, no 2013 levou a cabo unha auditoría da rede na que se constatou que a rendibilidade da mesma era do 30 %, o que quere dicir que o 70 % da auga perdíase por distintas vías. «Foi a herdanza que recibimos do bipartito. De cada dez litros, sete estaban a perderse», conta López. A maior parte da auga perdíase pola gran cantidade de fugas existentes nunha rede obsoleta. No entanto, outra porcentaxe dos ingresos que deixaban de percibirse a través do recibo tiña relación coa deficiente xestión tributaria, xa que había ao redor de 1.200 vivendas conectadas á rede municipal de forma irregular, sen pagar a taxa municipal correspondente. Nesta tesitura, o goberno actuou en dúas frontes.

Por unha banda levou a cabo un labor de inspección para conseguir que as conexións ilegais se desen de alta. Por outra, activáronse un plan de detección de fugas cun sistema de ultrasonidos e un plan de control de presións, que nalgunhas zonas eran moi elevadas e propiciaban frecuentes roturas na rede. Realizáronse melloras en diversos puntos negros, como a Avenida de Santiago, a rúa Leicures ou Fernando Conde e fíxose un desdobre da condución principal desde o depósito de Penerada ata a Avenida de Vigo, cun entroncamento da Avenida de Vigo con Benito Bigo e a rúa Padrón, actuando ademais en todo Benito Vigo ata a Avenida de Santiago.

Segundo López, antes mesmo de ter realizado o entroncamento en Benito Vigo e a reposición da rede en Fernando Conde, os termos xa se investiron e a rendibilidade da rede era do 70%. O alcalde asegura que neste momento o Concello está por baixo do 20 % de fugas que permitirá como máximo a nova lei, que imporá multas a quen non cumpran con esta premisa.

Coa rede sectorizada e as roturas baixo control, López cita agora dúas actuacións pendentes.

Depósitos de Penerada

Unha é o acondicionamento dos depósitos de Penerada. A outra, a construción dun bypass para que a auga procedente da ETAP de Parada -que xa vén tratada- poida engancharse directamente á rede de distribución, sen ter que ir primeiro, como ocorre agora, aos depósitos de Penerada, onde ao incorporarse tamén auga doutros mananciais a auga ten que volver ser clorada.

Estudan se a parcela municipal é suficiente para ampliar a Edar de Aguións

O sistema de saneamento municipal non está tan saudable como o de abastecemento. O alcalde estradense, José López, reuniuse esta semana con Augas de Galicia para analizar actuacións de mellora na Edar de Aguións. Segundo López, a depuradora funciona ben. O problema é o exceso de caudal que recibe sobre todo en épocas de choivas, debido á deficiente separación das augas pluviais e fecais. Todas acaban xuntas nunha depuradora que non dá abasto. O alcalde explica que a solución é ampliar a balsa de decantación para sólidos e a tolva á que van parar. Pero a cuestión é custosa e máis complexa do que parece. O Concello dispón dunha parcela municipal na que está situada a Edar, pero haberá que estudar se o terreo libre dispoñible é suficiente para levar a cabo a ampliación. Pola contra, sería precisa a adquisición de novos terreos na contorna.

En canto ao resto das pequenas depuradoras do municipio, López recoñece que a multa pola vertedura en Lagartóns non é a única que se pagou, pero ve difícil solución ao problema. «Hai que abordar un plan director de saneamento e buscar un sistema de depuración que sexa efectivo, peor non é doado. Augas de Galicia debería asesora tecnicamente e financiar», di.