A Deputación destina 337.000 euros aos servizos sociais das comarcas

La Voz LALÍN / LA VOZ

DEZA

CEDIDA

21 sep 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A Deputación referendou onte en xunta de goberno o plan para cofinanciar os servizos sociais comunitarios nos municipios da provincia con menos de 20.000 habitantes. En total serán este ano 2,37 millóns de euros os que se repartan entre 52 concellos, 65.450 máis que no 2018. Desa contía, máis de 337.0000 euros corresponden a Deza e Tabeirós-Terra de Montes.

Para os servizos sociais na comarca dezana aprobáronse 233.570 euros, dos que Silleda percibirá 60.847 e 53.337 irán a Vila de Cruces, con 50.633 para Agolada, 41.867 para Dozón e 26.884 euros para o Concello de Rodeiro. Mentres, en Tabeirós-Terra de Montes serán 113.634 euros, repartidos entre os 59.534 que lle corresponden a Cerdedo-Cotobade e os 54.099 para Forcarei.

Este ano a institución provincial decidiu aumentar o financiamento deste plan de servizos sociais comunitarios por dúas vías, con máis achega a dez concellos para o Servizo de Axuda non Fogar (SAF), e, doutra banda, reforzando a contía destinada a quince municipios que presenta os índices de envellecemento máis elevando na provincia. Deles figuran seis da zona, en concreto os de Agolada, Dozón, Rodeiro, Vila de Cruces, Cerdedo-Cotobade e Forcarei.

Á área do SAF adxudicáronse 1.291.561 euros, a contía máis importante dentro deste plan cofinanciado pola Deputación, para atender a persoas maiores con déficits de autonomía ou outras con diversidade funcional, en especial cando carecen de apoio persoal na súa contorna. Hai outras liñas máis de colaboración.