O Estradense debuta mañá en Arzúa coa idea de gañar

bieito baliño / ou. p.

DEZA

rober amado

Os de Alberto Mariano confían en empezar a liga con bo pé

24 ago 2019 . Actualizado ás 19:38 h.

O Estradense disputará hoxe (18.30 horas) o seu primeiro partido da tempada no Viso, onde se enfrontará co Arzúa. Para este encontro, ante outro recentemente ascendido, Alberto Mariano non poderá contar con Mateo, por motivos persoais, nin con Jorge, que se lesionou de gravidade e estará varios meses de baixa. Tampouco entraron na convocatoria Fafú e Samu, ambos con molestias leves. Alberto Mariano aínda non poderá contar con Rodrigo, que se agarda que resolva os seus problemas de visado e poida regresar a semana próxima do Brasil.

O técnico compostelán agarda un «rival duro e rochoso», polo que aliñará un equipo para contrastar este xogo arzuán. Mariano non se fía do seu rival, ao que considera un conxunto «similar» ao Estradense e que «será moi difícil de bater na súa casa». A pesar de que o Arzúa vén de sufrir unha gran renovación no seu persoal, o adestrador de Santiago non cre que a falta de adaptación e axuste dos xogadores rivais poida ser beneficioso para o Estradense: «Nunca se sabe, está todo moi igualado e eles reforzáronse con moi bos xogadores», sinalaba onte o técnico rojillo, que agarda un rival «moi diferente ao do ano pasado, con outros mecanismos distintos aos que utilizaban co anterior técnico».

Despois dunha pretemporada que deixa boas sensacións no seo do club, os de Mariano xa exercitaron, durante os adestramentos desta semana, aspectos relacionados co partido do domingo. Regresar de Arzúa cos tres puntos sería un bo golpe de moral ante o que, en principio, será un adversario pola permanencia. A próxima semana, o Estradense debutará ante o seu público contra o Paiosaco, outro dos equipos que está chamado a pelexar por non caer ao inferno. Aínda que a liga é moi longa e poden xurdir diversas circunstancias ao longo das xornadas, é importante desde o principio gañar os puntos contra os rivais directos.

Noutra orde de cousas, o Estradense está a probar ao dianteiro Dani Quesada, xogador que o ano pasado xogaba no xuvenil de División de Honra do Real Zaragoza. O club busca un substituto para Jorge por mor da súa lesión.