Un transporte especial perde a súa carga en Forcarei e provoca cortes de tráfico e de subministración eléctrica

La Voz

DEZA

cedida

O vehículo impactou contra o tendido de media tensión e parte da carga precipitouse monte abaixo

21 ago 2019 . Actualizado ás 20:59 h.

Un vehículo especial de transporte de elementos eólicos sufriu esta tarde un aparatoso accidente en Folgoso (Cerdedo) que acabou provocando cortes de tráfico e de subministración eléctrica na comarca.

O suceso tivo lugar sobre as 16.15 horas. O vehículo circulaba pola estrada N-541, a uns douscentos metros do cruzamento de Folgoso, cando sufriu unha saída de vía. A caixa do vehículo acabou fóra da estrada e a carga, un tubo da torre dun aeroxerador, rodando monte abaixo.

Segundo informa o 112, o vehículo acabou chocando contra unha torre de alta tensión, que foi derrubada, provocando cortes de subministración eléctrica en toda a zona.

No centro urbano de Forcarei, onde precisamente hoxe se iniciaban os cortes de tráfico derivados das actividades a desenvolver con motivos das festas das Dores, multiplicouse o tránsito extraordinario de vehículos, despois de que a Garda Civil habilitase desvíos de tráfico na estrada N-541 en ambas as direccións á espera da retirada do tráiler. Voluntarios de Protección Civil controlaron o fluxo de circulación en Forcarei desde as 17.15 horas.

Nos próximos días previsiblemente terá que volver pecharse a estrada nacional, polo menos parcialmente, para recuperar o tubo precipitado monte abaixo, duns 30 metros de lonxitude e un diámetros de tres e catro metros en cada extremo.

Sen luz en Forcarei e Cerdedo

No que respecta aos cortes de subministración eléctrica, afectaron desde as 16.15 horas a distintas zonas de Forcarei e Cerdedo. Segundo informan desde a compaña eléctrica quedou afectado o tendido de media tensión que dá servizo á zona e deixou sen servizo a 308 clientes na zona de Cerdedo-Cotobade, en áreas como Figueroa, Folgoso ou Caroi. Tamén en Forcarei quedaron sen subministración eléctrica varias áreas nas parroquias de Ventoxo, Madalena e Soutelo de Montes.

Precisamente, á primeira hora da mañá de hoxe a alcaldesa de Forcarei, Verónica Pichel, mantivera unha reunión co tenente Antonio Rodríguez, xefe do destacamento de Tráfico de Lalín, para afrontar a problemática derivada do paso de transportes especiais para o sector eólico pola estrada N-541.

Este non é o primeiro accidente cun transporte deste tipo rexistrado na zona.