Lalín activa un plan de reforzo socioeducativo para menores inmigrantes

La Voz LALÍN / LA VOZ

DEZA

Cedida

31 jul 2019 . Actualizado ás 22:05 h.

O Concello de Lalín activou un programa de reforzo socioeducativo para menores inmigrantes que se prolongará durante un trimestre a partir de agosto. Esta iniciativa finánciase a través dunha subvención da Consellería de Política Social para facilitar a inclusión social das persoas inmigrantes. Para o seu desenvolvemento o goberno local contratou de forma temporal a unha traballadora social e unha docente, ata o día 30 de outubro.

As concelleiras de Política Social, Paz Pérez, e de Promoción Económica e Emprego, Karen Fernández, coordinaron a posta en marcha destas actuacións de reforzo para os menores inmigrantes. O programa tamén prevé desenvolver itinerarios de inclusión sociolaboral coas persoas participantes, ademais de accións formativas, incluídas varias vinculadas ao dixital, o coñecemento da sociedade de acollida e a alfabetización nas linguas oficiais de Galicia.

Os dous concelleiros abordaron onte coas dúas persoas contratadas cuestións de funcionamento. O programa impartirase nas aulas da asociación Carabelo, coa participación duns 25 menores de entre 3 e 17 anos. Nestas datas previas aos exames de recuperación incidirase en estudar e reforzar materias suspensas dos menores, así como traballar competencias para o próximo curso.