O Laro quere conseguir ao segundo intento a Copa do Sar

Javier Benito
j. benito LALÍN / LA VOZ

DEZA

XOÁN A. SOLER

Estrela cre que chegan ante o Zona Vella nun gran momento

16 jun 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Din que á segunda vai a vencida. Con ese convencemento saltase hoxe (18.00 horas, Novo Campo) o Laro ao céspede da Estrada para medirse ao Zona Vella na final da Copa do Sar. Os silledenses caeron o ano pasado ante o Sigüeiro na prórroga, pero esta vez chegan nun gran momento de forma, como explicaba onte o seu adestrador, Estrela. Ademais a experiencia sempre é un grao, en principio debería haber menos nervios para un persoal que practicamente non cambiou esta tempada respecto da anterior.

Estrela recalou no banco do Laro fai apenas catro meses tras irse Román ao Monterroso. A pesar das dificultades para compatibilizar o posto con traballo e familia decidiu botar unha man ata finalizar unha tempada onde o cadro silledense foi de menos a máis. «Chegar a unha final non é tan doado cando partes con sesenta equipos e é moi bonito tamén repetir dous anos seguidos», incidía Estrela. Para este adestrador será a súa terceira final de Copa do Sar, dúas co Piloño -derrota e título- e agora co Laro. Se segue a cadea de resultados, tras a derrota do 2018 tócalle triunfo nesta ocasión. «Toca gañar, agardemos cumprir», dixo.

«Estar en dúas finais consecutivas é moi difícil e despois de perder, a mellor maneira de sacar a espiña é voltando a competir canto antes polo mesmo obxectivo; iso motiva a xente e agardamos conquerir ou título», significou Estrela. O técnico do Laro afirmou que chegan nun bo momento de forma e con trece partidos seguidos sen perder. Argumentou que os seus futbolistas foron de menos a máis durante a tempada, cunha primeira volta de liga onde lles custou lograr unha boa liña de xogo, con poucos puntos, mentres melloraron de forma significativa na segunda e ademais chegaron a esta final da Copa do Sar.

«Ou equipo gaña máis partidos e de forma máis doado, encaixa menos e mete moitos máis goles», resumía Estrela. Contará con dezaseis xogadores dos dezanove de persoal, con dous que non están por motivos persoais e Fabio por sanción, «inxusta», como insistía o técnico tras ser expulsado cunha segunda amarela que non lle correspondía no partido de volta de semifinais. O Laro recorreu pero non se lle aceptou. Estarán Cheroke, Marcos, Galego, Froxán, Iván, Pachi, Adrián, Sergio, Bandeira, Miguel, Mauro, Diego, Pena, Rodríguez, Joboba e Cruces.

Respecto ao rival, Estrela resaltou que ambos os equipos se coñecen moi ben por coincidir en liga, hai igualdade e que terá vantaxe quen logre levar o xogo ao seu terreo.