Lalín mellorou a reciclaxe no casco pero no rural a recollida empeora

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

DEZA

miguel souto

O reto do goberno local será facer fronte ás demandas de Europa para o 2020

13 jun 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Este último mandato Lalín estreou unha ordenanza medio ambiental que ten como obxectivo mellorar o civismo en materia de limpeza e erradicar malos costumes a golpe de insistir con campañas de sensibilización e, tamén, a golpe de multas. Nin os consellos, a vixilancia ou as sancións conseguiron erradicar algunhas. A concelleira de Medio Ambiente en funcións, Celia Alonso, apunta que se mellorou en reciclaxe no centro urbano, pero quéixase de que no rural, ás veces mesmo, empeorouse. Indica que «nestes momentos estamos atopando nos contedores verdes ata podas, que se poden deixar e acaban servindo de abono».

Uns comportamentos que evidencian, indica, «que se está perdendo o sentido común normal e os costumes de antes» onde nas aldeas se reaprovechaban os restos vexetais e orgánicos de forma natural no canto de, como ocorre agora, botalo todo ao colector. En canto aos retos de futuro cre que a reciclaxe é a clave e unha cuestión á que terán que enfrontarse o novo goberno local. Lembra que a normativa europea esixe que en 2020 os concellos reciclen xa o 50 % dos residuos.

En canto ao número de colectores, aínda que na rúa tanto no centro urbano como o rural, hai quen demanda máis e tamén máis papeleiras, Alonso cre que en Lalín «temos un exceso de contedores, aínda que si habería que reaxustalos, e nalgúns casos resitualos».

Considera que «en todos os pobos pasa igual e cando máis colectores e papeleiras hai, máis sucidade hai». Indica que as illas de reciclaxe ocupan moitas prazas de aparcadoiro e moitas veces son difíciles de situar nunha rúa e apela ao civismo para que os veciños depositen as bolsas de lixo domésticas pola última hora do día «e non ás nove da mañá, porque ese lixo fermenta e, por moito que laven os contedores, cheiran sen remedio».

Ese cheiro dos colectores é unha queixa que tamén se repite entre os veciños, sobre todo en períodos estivais. Para a concelleira o problema é de que non tiramos o lixo cando debemos, non da empresa concesionaria do servizo, que considera si fai o seu traballo. En canto ao rural, recoñece de que os colectores se deterioran máis rápido, sofren máis golpes e bótanse cousas moi pesadas.

Europa quere no 2020, apunta, «que os residuos orgánicos se eliminen e que o resto vaia todo moi ben reciclado». Será, indica, Celia Alonso, «unha loita importante». Ata agora se atopan, comenta, con moitas infraccións, con colectores amarelos que no canto de envases teñen de todo, desde bolsas de lixo normais, que deberían ir no colector verde a todo tipo de residuos. O mesmo pasa cos colectores verdes. Algúns atopáronse, conta a edila, cheos de roupa «coma se alguén baleirase o armario», destacando que hai colectores propios para ese tipo de residuos e que «co que pesa a roupa é un gasto importante que logo lle temos que pagar a Sogama». Téñense atopando, indica, «ata vigas de formigón».

Alonso avoga por un maior uso do Punto Limpo e lembra o servizo de recollida de voluminosos cos que conta o Concello e a necesidade de ir concienciando á cidadanía en moitas destas cuestións. Defende que os supermercados tamén realizan un gran labor recollendo lámpadas e pilas, entre outros residuos. Algúns dispoñen tamén de colectores de aceite doméstico.