A venda de vehículos repuntó na zona no primeiro cuadrimestre

Javier Benito
Javier Benito LALÍN / LA VOZ

DEZA

SANDRA ALONSO

O incremento situou no 5 % respecto ao mesmo período do 2018, con 333 coches

24 may 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

As vendas de vehículos en Deza e Tabeirós-Terra de Montes viviron un bo arranque do ano. Repuntaron o 5 % no primeiro cuadrimestre respecto ao mesmo período do 2018, tras darse coñecer onte os datos correspondentes a abril. Nas comarcas comercializáronse 333 coches desde xaneiro, mentres o pasado ano foron só 318. A maioría corresponderon a Deza, con 192, polos 141 vendidos en Tabeirós-Terra de Montes.

Abril mostrouse como o mellor mes en canto á matriculación de turismos desde os concesionarios no que levamos do 2019. En Deza foron 58, polos 55 de xaneiro, 42 de marzo e 37 de febreiro. O mesmo ocorría en Tabeirós-Terra de Montes, con 40 o mes pasado, fronte aos 37 de xaneiro, 34 de marzo e 30 de febreiro. Desta forma rompía ademais a tendencia do 2018, cando nas dúas comarcas abril non foi o mellor mes en vendas de coches. O pasado ano en Deza fora marzo, con 64, polos 60 de marzo, mentres foron 45 en xaneiro e 41 en febreiro; e en Tabeirós-Terra de Montes, fora xaneiro o de mellores cifras, con 29, polos 28 de marzo, 26 de abril e 25 de febreiro.

Por municipios, as maiores vendas o mes pasado foron en Lalín, con 36, fronte aos 28 da Estrada, 14 de Silleda, 6 tanto en Forcarei como en Cerdedo-Cotobade, 4 en Rodeiro, 3 en Agolada e 1 en Vila de Cruces, sen rexistrarse ningunha en Dozón. O municipio lalinense vendéronse este primeiro cuadrimestre menos, só 108 turismos polos 124 do mesmo período do 2018. Compensouse en parte en canto aos datos globais da zona pola Estrada, con 98 este ano fronte a 79. En Silleda tamén se baixou, de 45 a 35, mentres se aumentou en Vila de Cruces de 21 a 25 e en Cerdedo-Cotobade de 18 a 25; en Forcarei houbo incremento, de 11 a 18, aínda que máis relevante foi en Rodeiro, de 5 a 17; en Agolada baixouse de 13 a 8; e en Dozón, creceuse de 2 a 4 na comparativa entre ambos os cuadrimestres.

Camións e furgonetas

En abril produciuse nas comarcas un incremento nas matric de turismo respecto de marzo, con 98 fronte a 76. En Deza pasouse de 42 a 58 e en Tabeirós-Montes de 36 a 40. Respecto doutro tipo de vehículos con menos protagonismo, vendéronse 17 camións ou furgonetas en abril na zona por só 8 en marzo, sen que se comercializase ningún autobús, segundo os datos feitos públicos onte polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

O mes pasado houbo comprador para 5 motocicletas e 2 ciclomotores, cando en marzo foron 8 e 1 respectivamente. Tamén se venderon 2 tractores industriais, neste caso 1 na Estrada e outro en Forcarei en abril, por ningún en Deza, comarca onde si atoparon comprador 4 en marzo por ningún en Tabeirós-Terra de Montes.

Para rematar, a estatística do IGE tamén computa os semirremolques, dos que se venderon 5 en abril, todos eles en Deza, con 2 en Rodeiro e 1 en Agolada, Lalín e Vila de Cruces respectivamente. Repetiuse idéntica cifra que en marzo.