Precintan a fonte da alameda á espera de «un informe exhaustivo»

Rocío García Martínez
rocío garcía A Estrada / LA VOZ

DEZA

R. G.

BNG e PSOE piden o peche ao público cautelar dos xardíns municipais

23 may 2019 . Actualizado ás 22:56 h.

O alcalde da Estrada, José López Campos, encargou aos técnicos municipais un «informe exhaustivo» sobre o «fatídico accidente» ocorrido a tarde do mércores na fonte da ampliación da alameda. O goberno ordenou ademais «tomar tódalas medidas adicionais necesarias para evitar que sucesos semellantes poidan volver producirse».

José López evitou onte entrar en máis detalles. «É un tema suficientemente sensible como para falar por falar, polo que cando dispoñamos dese informe xa teremos tempo de ofrecer todas as explicacións necesarias e de afondar nas circunstancias do acontecido», declarou.

O que si fixo foi lamentar publicamente o sucedido. «Lamento profundamente o sucedido, porque ademais coñezo persoalmente e teño boa relación co ferido, e creo que o máis importante neste momento é agardar que a súa evolución sexa favorable e estar ao lado da familia para o que necesite», dixo.

José López aproveitou tamén para felicitar e agradecer a profesionalidade de todos os efectivos dos distintos servizos públicos que participaron no operativo -como 061, Protección Civil e Policía Local- así como ao equipo médico do hospital Clínico, ao que foi trasladado en helicóptero o ferido. Ao peche desta edición o ferido atopábase ingresado na Unidade de Coidados Intensivos (UCI), con prognóstico reservado.

A raíz do accidente, o BNG emitiu un comunicado pedindo ao goberno local que tome as medidas cautelares oportunas e que realice unha auditoría de seguridade. Solicita ademais o valado de toda a alameda «para evitar máis sucesos deste tipo nunha obra que aínda está sen rematar e na que se poden ver verquidos de auga ou ferros ao aire». O BNG tamén desexa unha pronta recuperación ao veciño ferido e traslada o seu apoio á familia.

Pola súa banda, a portavoz do PSOE, Belén Louzao, anuncia a solicitude dunha xunta de portavoces para tratar o asunto. Considera que existen «riscos evidentes» e pide «un peche preventivo e cautelar dá alameda». «Non é momento de pedir responsabilidades. O tempo de dirimir responsabilidades xa virá. O que pedimos é que se tomen medidas de seguridade pola preocupación da veciñanza. A alameda está en obras e hai riscos», di Belén Louzao.

Unha obra acabada

Polo momento, a fonte permanece valada e a súa contorna precintada, para evitar o acceso, pero a alameda continúa aberta. O alcalde estradense sinala que a obra «está acabada conforme a proxecto» e por iso púxose a disposición dos veciños. Sobre o futuro ou a idoneidade da fonte decidirase cos técnicos de forma sosegada.