Inician a obra do museo de Soutelo para acoller o Cetmo

r. g.

DEZA

cedida

19 abr 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O Concello de Forcarei acaba de iniciar as obras de acondicionamento de dúas grandes salas do auditorio de Soutelo de Montes para a súa conversión en espazo museístico destinado a acoller toda a colección do Centro Etnográfico de Terra de Montes (Cetmo).

Esta mostra, conformada por 1.042 pezas recollidas pola familia González Barros entre os anos 1991 e 2011, estivo exposta durante moito tempo nunha vivenda da Aldea de Arriba, pero os seus promotores hai tempo que non podían atendela por cuestións persoais e ademais a casa non era o lugar máis adecuado para a súa correcta conservación. Por iso, a familia acordou o traspaso da titularidade a favor do Concello coa garantía da habilitación dun espazo adecuado na mesma localidade.

O Concello destinará 46.538 euros a adecuar un espazo de dúas plantas no auditorio de Soutelo para despregar a colección, que reúne pezas etnográficas que proceden sobre todo da zona sur do concello.