Outro paso adiante para o ascenso do Estradense

J. B.

DEZA

rober amado

Os rojillos consolidan a segunda praza tras o punto ante o líder Pontellas, beneficiado polo empate do Barbadás

15 abr 2019 . Actualizado ás 14:43 h.

O Estradense afrontaba un dos seus partidos máis transcendentais nesta recta final de liga en casa do líder Pontellas. Un encontro onde se agardaban goles, con dous dos equipos máis realizadores da competición, pero que paradoxalmente acabou cunha igualada a cero. Un resultado que satisfai aos dous equipos. Ao Pontellas permítelle manter a distancia sobre os rojillos, de catro puntos, aínda que agora perden o average particular xa que na Estrada caeran por 2-1.

Mentres, o Estradense mellora nese aspecto por se logra recortar a distancia e igualar co actual líder nas cinco xornadas restantes en Preferente. Pero ademais tamén consolida a súa segunda praza con ese punto ao repetir o mesmo resultado que o seu principal rival por ese ascenso directo. O Barbadás non puido pasar do empate a un na súa casa ante o Ponteareas e xa que logo os ourensáns seguen a seis dos estradenses, con Cambados e Atios cada vez con menos opcións de pillar aos rojillos, agora a trece puntos cando só quedan quince en xogo.

No duelo entre Pontellas e Estradense a voz cantante levárona os visitantes, con maior control do xogo e ocasións para levarse os tres puntos. Alberto Mariano ejemplificaba o ocorrido ao resaltar que Coke non fixo ningunha parada. Os locais só tiveron un balón perigoso, nun pase atrás na área que non puido rematar ninguén. Mentres, os rojillos tiveron ata tres moi claras, pero non as únicas, con opcións de marcar para Brais Calvo, Jorge, Borja, Carabán, Mateo,...

O adestrador do Estradense mostrouse onte contento polo traballo realizado e con boas sensacións polo xogo despregado a pesar de non achegar coas ocasións. «Foi curioso que acabase 0-0 porque parecía que se alguén lograba marcar sería un partido de goles, pero ao final non houbo ningún», significou Mariano, contento co punto, que cobra moito máis valor ao igualar tamén o Barbadas. O técnico rojillo non se fía da crise dos ourensáns, cun único punto de nove posibles nas tres últimas xornadas: «Poden facer agora un pleno de quince nos cinco encontros que faltan, hai que seguir traballando pero o equipo está moi unido, sen presión e seguros do que deben facer, sen encaixar goles».

Vicente sufriu un golpe pero sen demasiada transcendencia, aínda que podería perderse o partido de Copa Deputación de mañá en Cuntis. Ademais o domingo non hai xornada de liga o que permitirá ao equipo recuperar forzas.