O BNG de Lalín abordou en Bruxelas modelos de produción agraria para frear despoboamento

La Voz LALÍN / LA VOZ

DEZA

cedida

11 abr 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Francisco Vilariño e Ariadna Fernández, do BNG de Lalín, acompañados pola eurodeputada nacionalista Ana Miranda abordaron onte en Bruxelas medidas para frear o despoboamento do rural mediante unha nova estratexia europea de modelos de produción agraria vinculados á transformación. Fixérono en senllas reunións con Simone Rinhart, experta en temas de políticas de cohesión do grupo dos Verdes-Alianza Libre Europea, e con Andrzej Nowakoski, experto en agricultura e fondos europeos do grupo dos Verdes.

Foi no marco de encontros do citado grupo cara ao que serán as distintas liñas de acción política no próximo Europarlamento. Desde o Bloque de Lalín púxose como exemplo a realidade do sector lácteo na comarca e en Galicia, unha potencia por número de cabezas e produción a nivel europeo, pero cun tecido industrial de transformación residual.

Unha situación con graves consecuencias de impacto económico negativo, perdéndose unha riqueza de valor engadido e competitividade produtiva territorial: «Con este modelo resulta imposible asentar poboación non rural e dinamizalo e xerar riqueza», expresaron. Trasladaron a necesidade de impulsar unha estratexia de acción política no seo da UE para asentar poboación no rural e que, neste ámbito, deben defenderse políticas que favorezan que haxa centros de transformación de leite o máis próximos aos de produción.