O BNG critica o «estado de descontrol» en que está o punto limpo estradense

La Voz A Estrada / LA VOZ

DEZA

cedida

22 mares 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O BNG da Estrada arremete de novo contra o goberno local polo estado no que se atopa o punto limpo. Segundo aseguran, fóra do horario oficial de funcionamento, as instalacións están abertas de pao a pao e sen ningún tipo de control. Ademais, nas inmediacións da entrada ao recinto localízanse vertidos de distinto tipo. Segundo os nacionalistas, restos de mobles, unha cadeira infantil de coche e cheas de restos podrecidos permanecen desde hai meses á entrada do vello matadoiro municipal. «Un panorama que di moi pouco do goberno que padecemos», indican.

Segundo apuntan os nacionalistas, «a cuestión deste estado das cousas pode ademáis traer consecuencias imprevisibles, xa que non é o primeiro accidente que se produce en construcións abandonadas ou, coma neste caso, en instalacións que poden inducir a algunha persoa a ir á busca de restos nos contenedores habilitados para os distintos tipos de residuos». Advirten de que existe perigo de caídas, feridas ou outro tipo de continxencias «das que despois non vale arrepentirse».

O BNG asegura que o abandono do goberno do PP estase manifestando en diversos servizos que non están a funcionar «nunhas condicións minimamente normais». Lembra ao alcalde, José López, «que aínda que a partir de maio non sexa goberno, até daquela é goberno en funcións e polo tanto ten que exercer».