Día da poesía (o 21)

David Otero

DEZA

20 mares 2019 . Actualizado ás 16:44 h.

A xoves deste marzo de muller celebramos o día da Poesía. Esa marabillosa expresión da mirada e do sentir. Esa percepción de auténtica realidade como panca esencial para a realización de non poucos soños, de desexos, entre fantasías e dolores, tristuras e acontecementos de melura incesante. Así é unha forma da que gocemos a poesía sen esta que se nos perda por entre os dedos das nosas mans por non saber acariñala ou abrazala. Polo que teremos mans que quererán debuxar futuros fóra de pautas ríxidas e pola contra abrindo camiños novos para horizontes máis guapos. Velaí a sensibilidade necesaria que ha (re)xurdir da intelixencia ( que a temos) coa enerxía de vivirmos ( que a debemos desenvolver máis ).

Velaí a poesía ( e os poemas) enfeitizando sempre para que na búsqueda nos realicemos na rebeldía , a toda creatividade, (re)vivíndonos na lectura, pois a poesía existe para abrir portas a pensamentos activados e a novas ideas que nos axudarán a sermos outras e outros ( diremos que mellores) e polo tanto será pola escritura dos poemas no idioma , léndonos, como videntes, por onde pasaremos aos outros lados de moitas cousas e abrazaremos a calquera hora, poño por caso, a outra cara da Lúa para ter moito e bonito que contar, cantar e recitar.

E así no antedito tamén poder deixar dito: “ Escribo poemas sobre a ( miña) vida. Por veces como nun deserto. E alúmase aínda máis a miña liberdade.E o Sol. Ai como levo este tesouro na miña intimidade! Non sei ben onde comezan e onde acaban os sentimentos. Pero saborexo a marabilla, cando leo os meus versos feitos poemas.” Sempre pois… benvida a Poesía. Activade a poeta ou o poeta que levades dentro. Feliz día.