O concerto «fin de vida» do saxofonista Carlos Barruso: «Quero lanzar unha mensaxe positivo, de tirar para diante e ata que dure»

Rocío García Martínez
rocío garcía A Estrada / LA VOZ

DEZA

cedida

O músico protagoniza o venres un concerto de «fin de vida» xunto a unha trintena de amigos

21 mares 2019 . Actualizado ás 15:46 h.

Carlos Barruso e amigos. Concerto fin de vida. O título elixido para o concerto deste venres é tan claro e contundente como o protagonista pretendía. «O 27 de decembro diagnosticáronme un cancro de páncreas con metástasis salpicado ao fígado e ao pulmón», explica con enteireza abraiante. «Non mo agardaba nin de broma. De drogas nunca fun e agora ademais levaba dez anos de vida sa, comendo ben, facendo deporte e sen beber alcol... Non por nada, senón porque me apetecía. Cando o médico mo comunicou díxenlle: ‘Pois haberá que organizar a vida'. quedou un pouco sorprendido...», conta o músico. O doutor non sabía que Barruso é unha persoa especial. Desas que saben ver sempre o vaso medio cheo e sacarlle cor á vida. «O primeiro que che vén á mente é preguntar canto queda. Dous meses ou vinte anos? Non querían dicirme canto, pero despois de insistirlle moito e de facerlle entender os meus plans, unha doutora díxome en xaneiro que a media poderían ser uns oito ou dez meses», explica o artista.

«Eu non son unha persoa tráxica. Tómome as cousas con tranquilidade. Unha vez recibida a noticia, o primeiro que se me ocorreu foi dar un concerto de despedida. E a primeira reacción é a que vale. Agora teño 57 anos e estou nun momento bo da vida. Pero se o penso ben, sempre estiven nun momento bo», reflexiona. «Nunca tiven golpes duros, salvo cando morreu a miña nai, cando eu tiña 11 anos, tamén de cancro. Ese si que foi un golpe moi duro. Penso nela aínda todos os días», conta. «Polo resto, teño un pai que foi o meu primeiro e mellor profesor e unha vida persoal na que sempre me ha ir ben. Tamén é certo que traballei como un animal, pero boto a vista atrás e sinto que son un privilexiado», conta Barruso.

Con tal diagnóstico en man, o músico podería afundirse ou aproveitar o tempo para compartir cos demais o mellor de si. Elixiu o segundo. «Fágoo un pouco por todo. Por min, porque é o que me sae, o que me dá ilusión. E polos meus sobriños. Eu son o seu tío especial e eles estano levando mal, pero eu quero que me vexan con ilusión, con alegría, tocando, xogando ao tenis ou facendo churrascadas. Divertíndome, que é do que se trata», explica. Co concerto deste venres, Carlos Barruso queira lanzar ademais unha mensaxe positivo a todas as persoas que están nunha situación parecida. «Quero que a xente vexa o do concerto e pense: Para que me vou amargar seis meses?. Quero que sexa unha mensaxe positiva. De alegría. De tirar para diante e ata que dure», conta.

O concerto será este venres ás 21.00 horas no teatro Principal, pero as entradas xa están esgotadas. «Gustaríame que puidese vir todo o mundo, que fose un concerto de portas abertas, pero dixéronme que non é posible, que hai unha capacidade que respectar. Repetir o concerto tampouco ten sentido porque é un concerto especial, cun nome especial e por unha causa especial», constata.

No concerto -que será gravado-, Barruso tocará o piano, o clarinete e os saxos soprano, alto e tenor. Acompañaranlle sobre o escenario unha trintena de músicos cos que comparte música e amizade. A pesar de ser un concerto de despedida, non será o último. Barruso seguirá tocando mentres poida. De feito ten apalabrada unha Masterclass e un concerto coa Big Band do Conservatorio Superior da Coruña e outro concerto coa Big Band que se está formando en Santiago.

Unha homenaxe en vida que tería enchido tres teatros

Miguel Souto

Funky, blues e jazz do bo. Eses serán os tres ingredientes do concerto. O Teatro Principal da Estrada quedou pequeno. Desde o luns as entradas están esgotadas e os teléfonos do Concello e do artista seguen humeando para intentar conseguir unha butaca. «Encheríanse dous ou tres teatros se se poidese», apunta desde o Concello o edil de Cultura, Juan Constenla, na presentación do concerto. Pero non é posible. A capacidade está completo e repetir un concerto deste tipo non tería sentido. Música e sentimento irán da man, polo que non caben guión nin segundo pase. «Se dis algo vas dicir o que che saia no momento. Non é para repetir», di Barruso nunha presentación na que lle acompaña un dos seus sobriños, César Barruso. «El tamén dirá unhas palabras no concerto, pero será o único. El e o seu irmán Hugo. Moita xente comentoume que quería dicir algo, pero non se pode. É un concerto e non queremos que se converta en Sálvame Deluxe», chancea Barruso.

Entre os 32 músicos que acompañarán ao músico -que tocará o piano, o clarinete e os saxos soprano, alto e tenor- máis da metade son alumnos. Carlos Barruso é profesor na escola Estudo de Santiago e en Acome -o seu propio proxecto docente- e está orgulloso de ter formado a unha lexión de músicos que veñen pisando forte. Polo escenario pasarán Manolo Brey, Luis Iglesias , Héctor Drass, Iago Couceiro, Pablo Sanluis, Efrén Novoa, Manuel Castedo, Álex Cabal, Javier Constenla, Alfredo Susavila, Héctor Martínez, Xián Fernández, Rubén Rodríguez, César Barruso, Miguel Carbajal, Vicen Couceiro, Manu García, Álex Porto, Rubén Servide, Juan Carlos Méndez, Juan Núñez, Diego Basadre, Maury Manana, Fran Castro, Juan Lindín, Josiño Dosantos, Cristóbal Fernández, William Díaz e Víctor Bascuas, ademais das cantantes Lucía Azurmendi e Silvia Ferre.