Mariano cre que só tres equipos quedan na pelexa por título e ascenso

La Voz

DEZA

miguel souto

19 mares 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O Estradense segue afianzado na segunda praza tras golear a domicilio ao amencer por 1-4. Un tanto en propia porta dos locais, en concreto de César Fontán no minuto 13, puxo o choque de cara para os rojillos, que antes do descanso sumaban un segundo tanto, de Borja no 41. Na segunda metade os do Grove intentaron recortar diferenzas e conseguíano por mediación de Félix no 55. Era un momento de certo risco para os intereses estradenses, pero un penalti transformado por Brais Calvo no 76 practicamente pechaba o encontro, aínda que redondeou a goleada Jorge no 90.

Tres puntos que achegan aos rojillos ao líder Pontellas tras a súa derrota, agora catro por amais , con Barbadás a tres por detrás delas na clasificación. Alberto Mariano destacaba onte a seriedade con que afrontaron o choque, cun pero respecto da fase ofensiva, porque «non lemos ben algunhas situacións, coa súa liña de tres atrás». E iso que meteron catro tantos, mentres o encaixado foi un rebote nas costas dun dos seus futbolistas que se coou pola escuadra.

«Teño que estar contento porque o equipo non encaixa e a pesar de que estivemos peor na fase ofensiva que ante o Cambados, logramos catro goles e nese partido só un», dixo o técnico rojillo. Restan nove xornadas e recoñecía Mariano que todo parece ser cousa de tres: Pontellas, Estradense e Barbadás. «O que estea máis maduro, con máis confianza e mellor a nivel físico levará o premio pero o máis importante será non fallar nos partidos cos de abaixo, xa que os tres temos enfrontamentos directos que serán claves», recalcou.

A Mariano preocúpanlle sobre todo os partidos fóra de casa. Confía en recuperar a Vicente e Martín para o próximo choque e que unha molestia no aductor de Juanito quede en nada.