Catro loitadores do Keltoi de Cruces, ao nacional escolar en Xaén

j. b. LALÍN / LA VOZ

DEZA

Cedida

15 mares 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O club Keltoi de Vila de Cruces contará con catro representantes no Campionato de España de Loita, en categoría escolar, que se disputará este sábado, día 16, na localidade andaluza de Torredelcampo (Xaén). Na especialidade de libre olímpica farano dúas; por unha banda, na categoría masculina, farao Manuel Santiso Penas, en 38 quilos, mentres na feminina farao Lucía Fernández Espada, en 58 quilos. Mentres, en grecorromana estarán os dous outros participantes dezáns: José Vázquez Coelho en 48 quilos e Álex Silva Lage en 68. Ademais, tamén se desprazará o presidente da entidade cruceña e adestrador, Rubén Méndez, que estará a cargo da selección galega en grecorromana xunto con Jacobo Novoa.

Para Lucía Fernández, Manuel Santiso e José Vázquez será a súa primeira participación nun campionato nacional, os tres aínda en alevín de segundo ano, nacidos no 2006 e que participarán nunha categoría superior á súa, mesmo con ata dous anos de diferenzas respecto dos escolares de segundo. O principal obxectivo é adquirir experiencia para futuras competicións ademais de buscar unha boa participación.

Pola súa banda, Álex Silva acumula a súa segunda presenza nun Campionato de España. O pasado ano non tivo moita fortuna en Pontevedra, sendo aínda alevín, cultivando un modesto sexto posto na clasificación final. Nesta ocasión trátase do seu primeiro ano en categoría escolar, expóndose polo menos igualar ou mesmo superar esa posición ao finalizar o torneo. De Galicia acoden 48 deportistas, 10 técnicos e 3 árbitros.