Pomar visitou as obras do instituto Laxeiro, que finalizarán nun mes

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

DEZA

Cedida

A conselleira destacou a luminosidade e funcionalidade que terán as novas aulas

22 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A conselleira de Educación, Carmen Pomar e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez visitaron onte as obras do IES Laxeiro acompañados polo director do centro, Uxío Grande, o alcalde de Lalín, Rafael Iglesias e o delegado territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares, xunto cos responsables da obra e da firma adxudicataria, Taboada e Ramos.

Carmen Pomar sinalou que os traballos van a bo ritmo e agárdase que finalicen aproximadamente nun mes. A obra inclúe a construción de dous novos pisos nun dos edificios do centro educativo e a reforma da zona destinada a talleres. Con ela, o instituto gaña en amplitude e en volume sumando uns 800 metros cadrados máis. A conselleira destacou as melloras nos talleres de Formación Profesional e as novas aulas que, dixo, «quedan moi luminosas e moi funcionais».

Esta é a segunda fase dun proxecto que suma un investimento global de 1,2 millóns de euros. A construción destes novos espazos súmase á fase anterior que incluíu a ampliación da biblioteca, unha nova planta noutros dos edificios e a construción das instalacións do viveiro de empresa que xa están a funcionar. O director do centro, Uxío Grande, explicou que unha vez se vaian rematando as obras, ocuparase xa algún espazo como a aula de música xa que estes meses a consecuencia das obras esta materia estase impartindo no salón de actos.

En canto ás aulas da familia administrativa, que agora están recolocadas noutros espazos, o director apuntou que tratarán de equipalas desde o final das obras ata o remate do curso, a fin de que todos os espazos estean listos xa para o novo curso. Uxío Grande deu as grazas á conselleira e quixo expresar tamén o seu especial agradecemento ao esforzo realizado polos estudantes, pais e profesores por que «non houbo nin unha queixa» fronte a situacións provocadas polas obras que non foron doados, sobre todo tendo en conta que o instituto viviu varios proxectos construtivos consecutivos e coa actividade lectiva en marcha.

Agradecementos

O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, pola súa banda expresou en nome do Concello o seu agradecemento á Xunta pola obra, á conselleira pola que foi a súa primeira visita a Lalín e especialmente agradeceu a Román Rodríguez o proxecto do Laxeiro iniciado por el cando era conselleiro de Educación «que creo que estivo á altura do que debe ser un lalinense estando na Xunta, tirando para seu pobo nesta cuestión, eu quero agradecello publicamente», afirmou. Un agradecemento que trasladou tamén «ou pai dá criatura, a Uxío, que antes cando estabamos vendo as aulas de arriba falaba de cada aula e de cada parte nova case coma se fora dun fillo e iso significa moi moito ou traballo que está facendo nesta comunidade educativa». Ao director do centro, Cuíña, invitoulle a seguir pedindo aos alcaldes e aos conselleiros para conseguir cousas expresando o seu agradecemento á Xunta polo investimento realizado.