Amorín destaca a melloría do xogo colectivo do Coreti Lalín

Javier Benito
j. benito LALÍN / LA VOZ

DEZA

Rober Amado

As «abellonas» pechan este domingo a liga regular coa visita do líder

22 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Custou moito esforzo conformar un persoal para manter ao Coreti Rugbi Lalín feminino na liga galega. Agora chega o final da tempada regular con máis luces que sombras, nun ano de substitución xeracional no equipo das abellonas. O colofón porase este domingo, día 24, coa visita do líder, o CRAT Coruña B, ao Cortizo ás 17.30 horas. Alí plantáronlles cara e só perderon por 17-5, ante un rival que marcha imbatido.

Santiago Amorín asumía por primeira vez o cargo de adestrador do persoal feminino. Onte mostrábase satisfeito tanto no persoal como polo equipo, ao cumprirse os obxectivos básicos marcados. Con 18 xogadoras, incorporándose nesta recta final una máis, o máis complicado -incidiu o técnico- foi ensinar a quen non estaban familiarizadas co rugbi ou o deporte. «Foi algo novo para todos pero pasamos dun rugbi dependente de xogadoras veteráns que xa non están connosco a un xogo máis colectivo, onde cada vez máis delas toman decisións», explicaba Amorín.

O adestrador das abellonas mostrouse contento ao callar as ideas e sistemas que quería transmitir ás xogadoras, aínda que «quedan por puír unha chea de cousas». A escaseza de partidos con só cinco equipos este ano na liga poden cortar ese progreso. Confía en que a Copa non quede só en dúas fins de semana de competición, que haxa máis encontros, case como unha liga, aínda que tamén prevén disputar amigables para alongar a tempada ata xuño ou xullo. Desa forma evítase un parón excesivo que obrigaría case a empezar de novo en canto a sistemas de xogo.

Están agora terceiras na clasificación en espera da última xornada, co Santiago con opcións de arrebatarlla. Amorín incidía en que lles dá igual en que posto acabar, pero «acabar terceiros sería de xustiza». Resaltou que se conseguiu ao final que as abellonas adestren e xoguen no Cortizo, cambiándose o de Barcia «de fútbol sala por un de rugbi de verdade e grande». Iso si, lamentou o técnico que non teñan cota de uso do Cortizo, loq ue obriga aos dous equipos do Coreti a adestrar xuntos, cada un no medio campo.