O Obra Silleda parte como favorito a ascender e o Mimela busca algún triunfo

La Voz LALÍN / LA VOZ

DEZA

MIGUEL SOUTO

20 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A Federación Galega de Baloncesto xa fixou o calendario para a fase de ascenso a lígaa EBA. En total serán oito equipos os clasificados tras a fase regular en Primeira División, entre eles o Obradoiro Silleda e o Mimela EDM Estradense. Ambos chegan con posicións e obxectivos contrapostos. No caso do filial obradoirista saldaron con vitorias os seus catorce partidos disputados polo momento, converténdose no principal favorito por ocupar a primeira posición ao finalizar esta rolda e xa que logo recuperar a categoría perdida na tempada 2017-2018.

O Mimela intentará dar algunha sorpresa durante esta fase de ascenso, mostrando o seu mellor nivel de xogo e ver se poden levar algún triunfo. Os estradenses quedaran cuartos no seu grupo, a última posición de corte para clasificarse, con seis vitorias e outras tantas derrotas nesa primeira fase de competición. Comezárona de forma irregular, con algúns resultados adversos, para despois reaccionar e asegurase o pase con algún partido de anticipación. A incorporación de novos xogadores ao persoal, co consecuente período de adaptación, ademais da renovación do corpo técnico, influíron nese mal arranque. Tamén as lesións pasaron facturas nalgúns momentos.

O Obradoiro Silleda comezará este sábado a domicilio esta fase de ascenso. Xogarán na cancha do Sigaltec en Vilagarcía a partir das 18.00 horas. Pola súa banda, o Mimela debutará ante a súa afección ese día 23, a partir das 20.00 horas, enfrontándose ao Baloncesto Cambre. Os outros catro equipos tamén clasificados para pelexar por estar a próxima tempada en lígaa EBA son o Universidade Campus Ourense, Tui Cogomelo, Castelo San Felipe , Basket Xiria e Cambre. A competición concluirá a última fin de semana de abril.