A Xunta prevé integrar en breve á Garda Civil no CIAE estradense

No Centro de Emerxencias traballan xa coordinados 112, 061 e Policía Autonómica


a estrada / a voz

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) con base na Estrada avanza con paso firme cara á súa meta de contar con ligazóns de todos os servizos para ofrecer unha resposta inmediata e coordinada ante calquera urxencia en Galicia. Polo menos así o considera o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, que onte presentou no CIAE un proxecto didáctico para dar a coñecer o teléfono do 112. Rueda confirmou que, ademais das bases do 112 e do 061, no edificio xa ten representación tamén a Policía Autonómica. O seguinte paso cara á integración será a presenza física no CIAE dunha ligazón da Garda Civil. «A nosa intención é seguir crecendo. As instalacións o permiten. Son instalacións amplas, tecnolóxicamente preparadas para que pouco a pouco se poidan ir incorporando outros servizos de emerxencias. Estamos en conversas moi avanzadas xa coa Garda Civil para que estean aquí permanentemente atendendo o teléfono e coordinando as súas propias emerxencias. Eu espero que frutifiquen xa», dixo o vicepresidente. A intención do goberno da Xunta a futuro é «que veña tamén a Policía Nacional».

Os Bolechas ensinan a usar o teléfono 112

Coincidindo coa celebración do Día Europeo do 112, uns oitenta escolares dos colexios estradenses do Foxo e Figueiroa acudiron onte á base do servizo, no Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE) da Estrada. Os estudantes coñeceron as entrañas do centro e asistiron á presentación do proxecto divulgativo sobre o 112 protagonizado polos Bolechas. O espazo audiovisual BraulioTuber -no que o popular personaxe de Pepe Carreiro dedícase a mostrar o funcionamento de colexios, asociacións ou servizos- dedicou o seu último capítulo ao 112. A Axega (Axencia de Emerxencias de Galicia) fará uso da peza audiovisual para achegar o servizo aos máis pequenos. O vídeo insiste no 112 como número único ao que chamar ante unha urxencia, na importancia de proporcionar a localización e no vital que é non usar o número para bromas que poderían impedir atender urxencias reais. Tras a visita, os escolares se inmortalizaron coa familia Bolechas.

Coñece toda a nosa oferta de newsletters

Creamos para ti unha selección de contidos para que os recibas comodamente no teu correo electrónico. Descobre o noso novo servizo.

Votación
0 votos
Comentarios

A Xunta prevé integrar en breve á Garda Civil no CIAE estradense