Tres puntos e medio do Agolada tras gañar ao Estudantil

Javier Benito
javier benito A Estrada, LALÍN / LA VOZ

DEZA

rober amado

A súa vitoria revalorízase tras perder varios rivais directos por evitar o descenso

12 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Do derbi comarcal o Agolada saíu reforzado mentres o Estudantil segue sen romper a súa dinámica de resultados, decimado pola escaseza do seu persoal. Os dezáns sumaron algo máis que tres puntos xa que varios dos seus rivais na carreira contrarreloxo pola permanencia encaixaron derrotas. Deixaron xa moi lonxe por detrás a Castro e Estudantil, agora con Ordes e Negreira a dez puntos por amais , algo máis arriba o San Tirso e Puebla a once ou o Xallas a doce. Con trece xornadas aínda por disputar poden seguir soñando e pelexar por seguir na súa recentemente estreada categoría.

No campo de Callobre entraron con ganas os locais pero de novo os erros en ambas as áreas rematáronlles por penalizar. «Tivemos fases de xogo boas e con ocasións pero houbo mala sorte e na segunda parte co 1-2 tivemos unha páxara que nos paso factura», apuntaba onte o adestrador do Estudantil, Agustín Raña. Ademais sumouse a expulsión de Mejo e as dúas lesións cubertas nalgún caso por xogadores aínda sen estar ao 100 % como Pereiras.

Raña cualificou de avultada a vitoria por 1-4 do Agolada, con fases onde lograron competir. A pesar da tristeza pola derrota si destacou que empezan a verse cousas implantadas polo novo corpo técnico. Agora tocaralles facer encaixe de palillos para a próxima convocatoria, xa que Dimitar e Borja sufriron roturas de fibras, perdéndose ao redor dun mes. E tamén perderán para o próximo partido a Adrián Falcón e Mejo por sanción. Confían en que Anxo e Carlos poidan regresar. «Na casa do pobre sempre é noite», sentenciaba o adestrador azulón, lamentando polos novos futbolistas que non chegue un resultado que eleve a moral.

Pola súa banda, Luis González Pichel considerou onte mesmo corto o resultado, con numerosos foses de xogo pitados en contra, algúns que non o foron en ocasións claras de gol, mentres que futbolistas como Pereiro, Pablo ou Brais tiveron opcións, nalgún caso sos ante o porteiro rival. Ao técnico do Agolada non lle gustou en exceso o xogo do seu equipo, con dificultades para enlazar, aínda que souberon reaccionar para contrarrestar a defensa de cinco dos locais ao incorporar outro xogador ao centro do campo. Alexander está tocado nun ombro e será dúbida ante o Viveiro, onde non estará Sánchez por sanción.

fútbol

«O máis importante é a vitoria e seguir metidos na pelexa pola permanencia»

Facía polo menos dous anos que non lograba unha xesta similar, pero entón foi en Primeira Autonómica. Aitor Furtado asinou os catro goles do Agolada ao Estudantil. Xa suma once, máis que en toda a tempada anterior e sexto no seu grupo de Preferente. E pelexará sin duda por máis, que hai unha churrascada en xogo co seu irmán.

-Catro goles e vitoria, supoño que un domingo redondo.

-Sin duda, foime ben no persoal pero o importante son os tres puntos e seguir metidos na pelexa pola permanencia. Ademais os resultados de rivais directos favorecéronnos.

-Menos mal que tiña gripe.

-A verdade é que só puiden adestrar un día na semana e estaba amolado, pero no partido sentinme cómodo e mellor do agardado, pero non faltaron fases en que a tose apertou. Puiden xogar e ademais marcar.

-Houbo facilidades do rival?

-Eles intentárono pero tiveron bastantes ocos e soubemos aproveitarnos. Mesmo foi un partido para meter máis goles, pero nalgunhas ocasións estivemos desacertados.

-E puideron ser máis seus porque o adestrador lle sentou no minuto 69.

-Nunca se sabe, pero houbo cambios. Facía dous anos polo menos que non metía catro nun mesmo partido e non resulta doado, sexa quen sexa o rival.

-O seu irmán Iker, no Arzúa, é o pichichi do grupo con 23, fronte aos 11 seus. Hai ganas de cazarlle?

-Está moi lonxe pero eu vouno a intentar porque antes de comezar a liga fixemos unha aposta a ver quen era o que máis goles metía e o perdedor terá que pagar unha churrascada.

-Sorte no reto.

-Será difícil porque ademais as lesións me romperon a continuidade, falte en sete partidos. Pero o importante é o equipo.