Luís López Bo será o candidado do PSOE á alcaldía da Estrada

É secretario local de Xuventudes Socialistas, porteiro do Praíña de fútbol e ex xogador do CD Lalín


Rocío García

Luís López Bo, secretario local de Xuventudes Socialistas, será o candidato do PSOE á alcaldía da Estrada. O mozo, de 25 anos de idade, é porteiro do Praíña Sporting Club de Teo e foi xogador do CD Lalín en tempadas anteriores. Na executiva socialista entrou fai un ano, froito dun proceso de renovación no PSOE estradense no que Belén Louzao asumiu a substitución de José Antonio Doo na secretaría xeral para pórse á fronte dun equipo no que o 70 % das persoas responsables das secretarías eran novas no equipo. Luis López asumiu entón a secretaría de Xuventudes Socialistas. 

Titulado en Dereito pola Universidade de Santiago (USC), traballou na área de xerencia dunha cooperativa galega do sector tecnolóxico e na actualidade especialízase en dirección de empresas. 

O candidato, que nas eleccións municipais do 2015 ocupaba o posto número 13 da lista socialista, salta agora ao primeiro para encabezar o proxecto do PSOE.

A executiva local do PSOE reunirase este xoves ás 21.00 horas para formalizar a proposta. O sábado celebrarase unha asemblea con militantes e simpatizantes para ratificala. Ese mesmo día será tamén a presentación oficial do candidato aos medios de comunicación e á sociedade en xeral. Nela espérase a presenza do secretario xeral do PSOE galego, Gonzalo Caballero, o provincial, David Regades, e a presidenta da Deputación, Carmela Silva.

Coñece toda a nosa oferta de newsletters

Creamos para ti unha selección de contidos para que os recibas comodamente no teu correo electrónico. Descobre o noso novo servizo.

Votación
4 votos
Comentarios

Luís López Bo será o candidado do PSOE á alcaldía da Estrada