Hospitalizado un corredor do Extol tras un accidente en bicicleta

Manuel Golmar participaba no Open de España en Córdoba


lalín / a voz

O Open de España de XCM comezaba este pasado domingo coa primeira proba en terras andaluzas. Na sexta Volta a Córdoba BTT participaban varios integrantes do club dezán Extol A Gramola, entre eles Manuel Golmar na categoría máster 40. O corredor de 42 anos sufría un grave accidente cando intentaba superar a gran velocidade un badén, perdendo o control da súa bici e voando para impactar coas costas e a cabeza sobre o chan. Coa forza do choque incluso sufriu a roturo do casco de protección.

Manuel Golmar foi trasladado a un centro hospitalario de Córdoba onde permanece ingresado. Sufriu a fractura de dúas vértebras que lle obrigarán a levar polo menos durante corenta días un corpiño inmovilizador, como explicaba onte un consternado Javi Busto, ciclista e presidente do club dezán. Ademais tamén houbo fractura de nariz e numerosas mazaduras por toda a cara, ademais doutras partes do corpo. Incluso foi necesaria unha operación cirúrxica no beizo.

Javi Busto explicaba que o seu compañeiro entrou demasiado rápido no badén, cun metro de altura, saíndo despedido da bici e golpeándose con moita forza. Tras os primeiros momentos de incerteza, porque foi necesario facerlle un TAC xa que en principio non se advertía a fractura das dúas vértebras aínda que o ciclista se queixaba de fortes dores de costas, segundo pasan as horas comeza a tranquilizarse a familia do Extol aínda que seguen preocupados en espera da evolución de Manuel Golmar.

A muller do ciclista xa se atopo con el, tras viaxar onte en avión ata Sevilla e desde alí trasladarse ao hospital cordobés. Javi Busto explicaba que a gran distancia existente desde Lalín é outro motivo de ansiedade entre familia e compañeiros do club. Respecto de Manuel, o presidente do Extol apuntaba que está nun momento lóxico de bajón anímico polas lesións sufridas, preguntándose porqué compite en carreiras de BTT.

Manuel Golmar recalara no Extol A Gramola desde a súa fundación, afrontando a súa cuarta tempada. No equipo seguen de forma constante a súa evolución, en espera dunha recuperación o máis rápida posible. Outros clubs e entidades da zona, tras coñecerse a noticia do accidente a través de redes sociais, tamén trasladaron todo o seu ánimo tanto ao corredor como ao resto dos seus compañeiros. Todos confían en que quede nun gran susto.

Victoria de Lara Lois

No meramente deportivo, o Extol A Gramola cultivou unha vitoria nesa primeira proba do Open de España de XCM en Córdoba. Cultivábaa Lara Lois en categoría feminina, mentres que Nando Guerra acabou na quinta posición en Máster 30 e Miguel Arias era oitavo en M-40, con 25º postos de Damián Costa. Javi Busto decidía retirarse tras decatarse da forte caída de Manuel Golmar cando non estaba entre os mellores.

Coñece toda a nosa oferta de newsletters

Creamos para ti unha selección de contidos para que os recibas comodamente no teu correo electrónico. Descobre o noso novo servizo.

Votación
0 votos
Comentarios

Hospitalizado un corredor do Extol tras un accidente en bicicleta