«Stranger things»

Miguel Gómez

DEPORTES

XOAN A. ADOITAR

25 mares 2023 . Actualizado ás 22:30 h.

Desde que se xubilou Vicente Ruinez, na axencia respírase outro optimismo. Esta mañá chegáronme as instrucións: «1.300 caracteres. Non esquezas que hoxe tamén che len en Lugo. Esta mensaxe se autodestruirá en 15 segundos». Non puiden deixar de esbozar un sorriso, coma se en Santiago entendésenme (de aí o do optimismo). Pero ciñámonos ao baloncesto.

Había dous datos preocupantes antes do partido: O Obra depende en exceso dos exteriores, especialmente dos tres canadenses. O outro dato ten que ver co balance de balóns recuperados/perdidos, peor o Obra que o Breo en 4,3 balóns por partido. Para ter opcións, necesitabamos, ademais dun partido maiúsculo dos tres canadenses e mellorar o cociente de perdas e recuperacións, puntos interiores desde o un contra un de Marek ou desde o pick and roll de Westermann e Guerrero .

Nada saíu ben. É imposible gañar un partido de ACB se perdes trece balóns e recuperas catro, se os teus interiores só achegan 2 puntos (6 tiros de campo, sen ir unha soa vez ao tiro libre). Condenados a vivir e morrer desde o triplo sen unha ameaza interior que axude a xerar espazos. O tremendo 10 de 20 do descanso, daba unha vantaxe ao Obra só crible no mundo do revés. O frouxo 4 de 15 da segunda parte devolveu o marcador ao mundo real.