Ethan Happ e Thomas Scrubb, os sinalados para decidir o derbi galego da ACB

Ignacio Meitín Buján
I. MEITÍN BUJÁN LUGO / LA VOZ

DEPORTES

ALBERTO LÓPEZ

Lideran boa parte das principais estatísticas no Río Breogán e o Monbus Obradoiro

25 mares 2023 . Actualizado ás 19:58 h.

Se un afeccionado neutral, alleo a todo o que rodea ao Río Breogán e o Monbus Obradoiro, tivese que nomear aos principais candidatos ao MVP do derbi deste sábado tendo como única referencia as estatísticas de cada equipo, tardaría moi pouco en decidirse. Despois dunha rápida ojeada aos números, Thomas Scrubb e Ethan Happ serían as súas apostas. As cifras distínguenos como os máximos candidatos para marcar as diferenzas no segundo enfrontamento de rivalidade galega da tempada, que se disputará a partir das seis e media da tarde no Multiusos Fontes do Sar. O aleiro obradoirista é o mellor do seu equipo en valoración, rebotes defensivos, ofensivos e totais, minutos e recuperacións. O pivote do Breo, pola súa banda, manda en rebotes defensivos, ofensivos e totais, valoración, puntos e recuperacións. Xunto a eles, Kassius Robertson, Justus Hollatz, Phil Scrubb, Scott Bamforth, Toni Nakic, David Walker, Víctor Arteaga, Rubén Guerrero , Fernando Zurbriggen e Nemanja Nenadic son os outros nomes á fronte do resto das principais estatísticas nos seus respectivos persoais.

valoración

Tres créditos de diferenza 

Happ presenta o mellor rexistro breoganista cunha media de 17,7 créditos que, ademais, sitúao no quinto posto do total da Liga Endesa por detrás de Tavares (Real Madrid), Tomic (Joventut), Shermadini (Tenerife) e Marc Gasol (Xirona). O primeiro do Obradoiro neste ránking xeral é Thomas Scrubb, undécimo cunha media de 14,4. O teito de Happ no presente curso son os 37 créditos que acumulou na visita ao Real Madrid, mentres que Srubb logrou o seu mellor marca na ACB o curso pasado no partido en casa ante o Gran Canaria (33). O segundo mellor breoganista neste apartado é Scott Bamforth (10,1), mentres que no ránking obradoirista o segundo xogador máis valorado é Kassius Robertson cunha media de 13,7. 

puntos

Robertson, cunha media de 16,9, moi superior ao resto 

Tanto Happ como Scrubb aparecen entre os 20 mellores anotadores da ACB, pero o mellor francotirador do derbi, segundo as estatísticas, é Kassius Robertson, que regresou ao equipo para substituír ao lesionado Marcus Paige. A súa media en 14 partidos é de 16,9 tantos, moi superior aos do resto de protagonistas doio no Fontes do Sar e o máis alto da ACB, aínda que non figura no máis alto da clasificación da Liga Endesa porque non participou na porcentaxe de partidos que marca a regulamentación. 

rebotes

O pivote do Breogán é o mellor da ACB

 No rebote tampouco non hai discusión. Ethan Happ non só é o mellor do derbi, senón tamén da ACB. Contabiliza un total de 181, máis que ninguén no campionato. No Obradoiro, o que máis se lle achega é Thomas Scrubb, o único dos pupilos de Moncho Fernández que supera o centenar (130). Marek Blazevic suma 100 e Rubén Guerrero (96) está moi a piques de chegar aos tres díxitos. No Breo, tras Happ sitúase Nemanja Nenadic con 96. No que respecta ao rebote defensivo, o pivote celeste guinda unha media de cinco por encontro e é segundo no ránking ligueiro, en tanto que Thomas Scrubb recolle case catro (3,7) e é o mellor do seu equipo. O mesmo ocorre no rebote ofensivo, un apartado no que Happ (2,9) supera en case un rexeite a Scrubb (2). 

minutos

Thomas Scrubb, o que máis xoga na competición 

O tempo de xogo está bastante repartido nos dous conxuntos. No Obradoiro son só tres os xogadores cunha media por amais dos 20 minutos: Thomas Scrubb (29,3), Kassius Robertson (27,2) e Phil Scrubb (27,06). No bando breoganista, o efectivo que máis tempo pasa sobre a cancha é Scott Bamforth cunha media de 26 minutos e 55 segundos. Por amais dos 1.200 segundos tamén están Toni Nakic (24,2), Happ (23,02), Justus Hollatz (22,2) e Stefan Momirov (20,4). 

triplos

Walker converte a metade dos que intenta 

O xogador do próximo derbi galego con mellor porcentaxe de acerto nos lanzamentos triplos é David Walker, do Obradoiro, cun 50 % —meteu 20 de 40 en 14 partidos—. No Breo é Scott Bamforth quen máis o intenta desde esa distancia, pero o maior acerto teno Toni Nakic cun 42,5 %. 

tiros de dous

Víctor Arteaga presenta a mellor porcentaxe 

Dúas das torres destacan neste apartado. Víctor Arteaga é o que maior acerto ten no Río Breogán (69,4 %), mentres que Rubén Guerrero lidera esta estatística no Monbus Obradoiro cun 62 %.

tiros libres

Zurbriggen supera o 90 % e Nakic repite no Breogán

 Poucos xogadores hai na ACB tan fiables desde o tiro libre como o obradoirista Fernando Zurbriggen, que converte o 90,3 % dos seus lanzamentos. No conxunto lucense repite Nakic como o mellor cun 78,4 % de acerto desde a liña de 4,60. 

asistencias

Phil Scrubb e Justus Hollatz, á fronte

 O escolta do Obradoiro está a só catro asistencias de chegar ás 100 na presente campaña. Suma 96 (4,2 por encontro), mentres que o mellor asistente no Río Breogán é o base alemán Justus Hollatz cunha media de 3,4.