Morre sepultado nunha avalancha René Hofer, promesa do motocrós

La Voz

DEPORTES

O piloto, de 19 anos, atopábase esquiando xunto a uns amigos nos Alpes

06 dic 2021 . Actualizado ás 16:40 h.

O mundo do motrocrós perdeu a unha das súas maiores promesas. O piloto René Hofer, de tan só 19 anos, faleceu o pasado sábado tras sufrir unha avalancha mentres esquiaba nos Alpes xunto a uns amigos.

O piloto austríaco atopábase de vacacións nos picos Lackenspitzae, preto de Salszburgo. O grupo, de once persoas, foi sorprendido por un alude no que faleceron tres persoas, entre as que estaba o prometedor piloto. Os tres quedaron enterrados por unha capa de neve de máis de catro metros. Cinco helicópteros e ata 120 persoas dos servizos de urxencia, segundo informaron os medios locais, participaron nas tarefas de rescate, podendo salvar a un dos tres, aínda que posteriormente faleceu no hospital.

René Hofer estaba disputando o Mundial de MX2 co Red Bull KTM Factory Racing. Esta tempada lograra gañar a súa primeira carreira no circuíto de Piedramurata (Italia) e finalmente acabou sexto na xeral. Anteriormente, Hofer proclamouse campión do mundo júnior de 85cc no 2016.

Foron moitos os pilotos que expresaron a súa pena tras o falecemento de Hofer . Entre eles, o galego Jorge Prado. «Aínda non mo podo crer. A vida pode ser moi inxusta ás veces. Descansa en paz René e non esquezas seguir sorrindo como sempre o fixeches. O meu máis sentido pésame á familia», escribiu o piloto lucense nas súas redes sociais.