De Madrid a Baio para axudar ao equipo dos seus mil amores

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

DEPORTES

BASILIO BELLO

O futbolista Yago Couto traballa na capital española, pero leva tres semanas desprazándose á zona e hoxe tamén estará no Cairo para o derbi co Corme

28 novs 2021 . Actualizado ás 19:40 h.

O fútbol dá Costa é especial por moitas cousas. O último exemplo tráeo Yago Couto Tasende, integrante do Club Deportivo Baio desde moi novo. Nacido en Camafreita (Riobó-Cabana) ten agora 28 anos. Neste 2021 marchouse para Madrid debido a que aprobou a oposición para funcionario de Facenda e destinárono alí. Por este motivo, pensou seriamente en abandonar o balompé dada a distancia existente entre Baio e a capital española. No entanto, na entidade suxeríronlle facer ficha por se algún día podía facer falta. Ese momento chegou e xa son tres as semanas que o deportista leva desprazándose cada fin de semana ata a Costa da Morte para axudar ao seu equipo na Primeira Galicia. Hoxe tamén estará no Cairo para disputar un novo derbi ante o Corme.

«O Baio ten ata sete baixas por lesións. O parón pola pandemia afectounos moito. Hai veces que non xuntan para once xogadores sénior. E aí é cando eu veño». Así o explica Yago, con total naturalidade. E é que non llo pensa dúas veces. Hai dúas semanas, para o derbi co Soneira en Vimianzo, comprara os billetes para voar a Galicia, pero a compaña canceloullos e el colleuse o seu coche o sábado á tarde, plantouse na comarca, xogou o partido o domingo e regresou a Madrid ese mesmo día. Doce horas de camiño, ida e volta, e outras dúas do choque, case nada. O seu amor polo Baio é palpable: «A verdade, estou encantado de vir. Levo moitos anos aquí e precisamente desprenderme disto foi o que máis me estaba custando», explica Couto. Ademais, como el mesmo recoñece, esta tempada a liga é «das máis bonitas dos últimos anos» con ata cinco equipos da zona. «Era outra das cousas polas que me daba pena deixalo», engade.

Vén pola súa propia conta, tamén en tren e facendo uso de Blablacar para compartir os gastos da viaxe. Di que o feito de non adestrar durante a semana cos compañeiros pásalle factura o día do partido. Na capital, fai algo de ximnasio e sae a correr de cando en vez.

BASILIO BELLO

Non é o primeiro que o fai

Xa é coincidencia, pero o club baiés ten outro precedente neste sentido. Trátase de Javi Suárez, precisamente un dos deportistas que está lesionado. O zasense forma parte do corpo da Policía Nacional, tamén en Madrid. Antes da chegada da pandemia, chegou a xogar a metade dos partidos dunha tempada a pesar de estar a máis de 600 quilómetros de distancia.

O certo é que, a pesar das numerosas baixas, o Baio marcha vento en popa na clasificación. Todo o contrario lle sucede ao Corme. Pero uns e outros saben que nun derbi, todo pode pasar. Son baixas polos baieses Norberto, Martín MC, Mario Martínez, Manu Santiso, Carlos, Javi Suárez e Fachal. Polos cormeláns tampouco xogarán Eloy Álvarez e Manu Bermúdez, por lesión. Ambas as afeccións prepáranse para o duelo, ás 16.35 horas.

Yago, segundo empezando por la izquierda
Yago, segundo empezando pola esquerda Ana Garcia