O Bergan segue sen reencontrarse coa vitoria nas Eiroas

Melissa Rodríguez
Melissa Rodríguez CARBALLO / LA VOZ

DEPORTES

BASILIO BELLO

Asinou o empate a cero contra o Coruxo e fóronlle anulados dous goles

27 novs 2021 . Actualizado ás 23:12 h.

O Bergantiños segue sen reencontrarse coa vitoria nas Eiroas. Asinou o empate a cero contra o Coruxo (o segundo nos últimos tres encontros disputados en Carballo, nos que tamén asinou unha derrota), aínda que os rojillos foron os que estiveron máis preto dos tres puntos. Sobre todo, tras marcar dous goles na segunda parte que lles foron anulados. O primeiro, de Carlos , por man, e o segundo e último, de Uxío , por un fóra de xogo moi dubidoso. Ademais, os carballeses foron superiores durante os 90 minutos do choque, correspondente á décimo terceira xornada de Segunda RFEF.

No primeiro período, o partido estivo máis aberto, aínda que os locais eran os que levaban o peso, pero custoulles crear o perigo suficiente para abrir o marcador. Xa na segunda, lograron encerrar ao rival no seu campo e xerar ocasións. Moi pronto, unha xogada que Escobar iniciou no medio do campo e que Boedo seguiu escorado á banda dereita rematou en gol ao centrar este último en boca de gol a Carlos, que só tivo que empurrar, pero precisamente nesa acción o colexiado sinalou man. Xa no minuto 71, Uxío rematou á rede un lanzamento de falta efectuado desde o medio do campo, que mesmo un verde peiteou, pero o árbitro, Diego Valdes, indicou, ante a incredulidade da bancada bergantiñá, fóra de xogo do dianteiro carballés.

Foi o primeiro partido de tres nunha semana para o Bergan, pois o vindeiro mércores xogará a primeira rolda da Copa do Rey en Carballo ante o Tudelano (18.30 horas) e, o domingo, o choque correspondente á décimo cuarta xornada de liga en Madrid fronte ao actual líder, o Unión Adarve (12.00). Con este resultado e, á espera de que se disputen os demais partidos da xornada, o Bergantiños sitúase terceiro con 21 puntos.

O duelo nas Eiroas serviu, ademais, para probar a nova iluminación instalada polo Concello a propósito da eliminatoria de Copa. A Federación Española esixe uns parámetros para esta competición que o estadio carballés non cumpría neste sentido.

Ao Bergantiños de José Luis Lemos seguen resistir os rivais da zona baixa, pois o Coruxo continúa en postos de descenso. A nota positiva é que xa son dúas as xornadas sen perder para os bergantiñáns logo da derrota contra o Llanera.

Yelco, Concheiro e Boedo foron os xogadores máis destacados

Lemos seguiu fiel ao seu esquema fetiche, o 1-4-2-3-1, con Canedo en portería; Brais, Parga, Brunet e Blas, na primeira liña; Concheiro e Uzal, por diante; Yelco, Carlos e Boedo, e Escobar en punta. Pola súa banda, o técnico dos vigueses, Gonzalo Fernández, dispuxo un 1-4-4-2.

Na primeira parte, o ataque canalizouse practicamente pola banda esquerda. Parga, Concheiro e Carlos conectaron con Yelco en numerosas ocasións. Os carballeses saíron coa lección aprendida de ir polo gol para tratar de abrir o marcador, algo que lles custa. Foi un partido de moito ritmo desde o principio ata o final. Pola súa banda, os visitantes apenas axexaron a portería defendida por Canedo. Nos 90 minutos tiveron tres tiros altos.

Tras o paso por vestiarios, o Bergan xa dispuxo de oportunidades máis claras, como un lanzamento de falta desde a frontal da área que se marchou alto e un saque de esquina efectuado por Boedo no que o cérbero Amigo estivo atento. Tamén un remate cruzado de Yelco desde tres cuartos de campo escapouse pegado ao pau. Unha internada por banda dereita de Boedo, que logo fixo un cambio de orientación, colleuna Cano, pero marchouse fóra. E aínda houbo tempo para unha última de Uxío. Yelco centrou e o punta rematou de cabeza en boca de gol, pero o gardameta sacouna baixo paus.

Foi unha tarde de inverno nas Eiroas, con vento, frío e choiva; a primeira de moitas que aínda están por chegar.

Ficha técnica

BERGANTIÑOS (0): Canedo; Brais, Parga, Brunet e Blas (Cavafe, 46); Concheiro (Remeseiro, 73) e Uzal; Yelco, Carlos (Cano, 62) e Boedo, e Escobar (Uxío, 62).

CORUXO (0): Amigo; Manu, J. Trigo, Antonini (Chiqui, 57), Diego; Martín R. (Garci, 77), A. de Vicente, Gandoy, Mateo; Silva (Borja Domingo, 59) e Álex Ares (Aitor Aspas, 77).

ÁRBITRO: Diego Valdes (Asturias). Amoestou a Escobar, Blas e Carlos polos locais, e a Manu e Aspas polos foráneos.

INCIDENCIAS: Partido correspondente á décimo terceira xornada de Segunda RFEF (grupo 1), disputado nas Eiroas. Boa entrada de afeccionados nunha tarde máis xélida do xa de seu habitual no campo carballés.