A Xunta recoñece a 584 deportistas de alto nivel, o número máis alto en toda a historia

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

DEPORTES

ANA VARELA

Coa resolución da Secretaría Xeral para o Deporte, xa hai atletas en todas as novas categorías incorporadas co decreto aprobado en setembro

24 novs 2021 . Actualizado ás 17:17 h.

O Diario Oficial de Galicia publicou a resolución do 12 de novembro do 2021 da Secretaría Xeral para o Deporte pola que se fai pública a lista de persoas deportistas recoñecidas como de alto nivel, alto rendemento e rendemento deportivo de base de Galicia, así como as solicitudes desestimadas e a causa.

En total, das 187 peticións presentadas, son 155 os deportistas recoñecidos, sendo 112 deportistas galegos de alto nivel, sete de alto rendemento, 31 de rendemento deportivo de base, tres técnicos e dous árbitros. Un total de 32 deportistas non foron recoñecidos ben por non cumprir os méritos deportivos ou ben por irregularidades no trámite administrativo.

Con esta nova resolución, xa hai atletas recoñecidos en todas as categorías que se incorporaron coa aprobación dun decreto basee o pasado ano.  Deste xeito, ademais do deporte de alto nivel de Galicia, tamén se recoñece o alto rendemento deportivo -práctica deportiva que aínda non pode ser cualificada de alto nivel, pero cuxa proxección indica que estará en condicións de selo- e o rendemento deportivo de base -etapa de desenvolvemento e perfeccionamento previa a acadar o alto rendemento deportivo ou o alto nivel.

O mesmo ocorre coas categorías de técnicos-adestradores e xuíces-árbitros, novos colectivos que se incorporan á figura do alto nivel, a través da Comisión Galega de Avaliación do Alto nivel deportivo.

Entre os deportistas de alto nivel recoñecidos nesta última resolución destacan, entre outros, Tania Elizabeth Iates (piragüismo), David Arcay (pesca e casting), Manuel Antonio Campos (piragüismo), Martín da Ponte (tenis en cadeira de rodas), Borja Golán ( squash) ou Sara Ouzande (piragüismo), ademais dos adestradores Ferenc Szabó (halterofilia), Noelia Pérez ( taekuondo) e Luis Alberto Piña (tríatlon e pentatlón moderno), e as árbitras María Bautista ( taekuondo) e Zulema González (fútbol).

Con esta nova resolución o número de deportistas galegos recoñecidos ascende ata 584, o número máis alto de toda a serie histórica da Xunta. O total de deportistas divídese en 540 de alto nivel, sete de alto rendemento, 30 de rendemento deportivo de base, catro técnicos, dous árbitros e un vitalicio.

Destes 584 deportistas, o 60 % son homes (353) e o 40 %, mulleres (231). Cabe destacar que, ademais, hai un total de 14 deportistas con discapacidade.