Nicolás López: «No meu primeiro campionato perdinme aos cinco minutos»

La Voz

DEPORTES

MARCOS MÍGUEZ

Este betanceiro hase proclamado cinco veces campión de España de orientación e tróuxose do último Europeo máis medallas que ninguén

14 oct 2021 . Actualizado ás 10:39 h.

Nicolás López González (Betanzos, 2005) acaba de regresar de Portugal, do Campionato de Europa xuvenil de orientación MTB, con tres medallas ao pescozo, unha prata e dous bronces. Ninguén se levou tantas. Competiu en catro modalidades: en distánciaa esprint (6,3 quilómetros), a curta (10,6), a longa (20,2), e en substitucións, xunto a Fran Cortés e Juan Pedro Fernández. «Na longa tiven un fallo nun control de seis minutos, que foi xusto o que me sacou o primeiro. Sen o fallo, eu creo que gañase». O seu mellor resultado conseguiuno en esprint, o que considera o seu punto forte.

«No esprint o que máis decide é a rápida lectura do mapa para non perder tempo na interpretación. Na media, adoitan pór moitos controis de cambio de orientación para que teñas que virar o mapa por completo e póidasche equivocar de camiño. A longa xa depende máis das eleccións que fas nas rutas. O saber trasladar os camiños á realidade creo que é a miña maior virtude», conta.

Nicolás vén de marcar outro fito na orientación: foi o primeiro deportista convocado pola selección española tanto na modalidade a pé como na de bicicleta. «Gústame máis a pé, porque hai máis xente. Pásomo mellor». Debutou como internacional en agosto, no Europeo de Lituania, cun décimo posto a pé en esprint.

A afección vénlle de familia. O seu pai, Fran, foi o inspirador. Os seus irmáns maior, Javier, e menor, Mario, tamén compiten. Javier foi campión de España sub-17. Os comezos para Nicolás non foron sinxelos. «No 2017 fun ao meu primeiro campionato de España en Navaleno, en Soria, e na proba de distancia longa perdinme xa no primeiro control. Non levaba nin cinco minutos e tiven que volver ao centro. Saín chorando, pensando en cambiar de deporte. O meu pai insistiu e animoume a volver intentalo». Ao ano seguinte, proclamouse campión de España na distancia media. A perseveranza trouxera froitos. No 2019, logrou o ouro en esprint, media e longa distancia. «Competiuse en Pontevedra e coñecer o terreo sempre axuda». Na edición do 2020 volveu ser o mellor de España en distánciaa esprint.

MARCOS MÍGUEZ

O próximo obxectivo, estar entre os dez mellores no Mundial de Suecia

 A próxima fin de semana Nicolás López competirá en familia. Xunto aos seus irmáns Javier e Mario, representará á selección galega en Zaragoza. Pero este brigantino pensa xa en dar un salto máis o ano que vén. Aínda que por idade debería seguir en categoría xuvenil, quere competir no próximo Campionato de España Júnior para lograr un pasaporte ao Mundial que se celebrará en Suecia en maio.

«Faríame moita ilusión poder estar alí, facelo ben, e quedar entre os dez mellores do mundo». Para iso, non deixa de adestrarse. «No inverno fago máis quilómetros e vexo máis mapas de longa distancia. Cando chega o verán, fago máis series e céntrome máis na axilidade na lectura dos mapas», revela.

Fóra do deporte, Nicolás cursa actualmente 1.º de Bacharelato, na rama de Humanidades, e exponse no futuro estudar a carreira de xornalismo.