Albés iguala a mellor porcentaxe de derrotas dun técnico do Lugo

LA VOZ LUGO / LA VOZ, AXENCIAS

DEPORTES

JORGE ROUPEIRO

O equipo só perde un de cada catro partidos desde a súa chegada a finais do curso pasado

12 oct 2021 . Actualizado ás 20:42 h.

Rubén Albés non deixa de facer méritos para botar raíces no banco do Anxo Carro. Co bo resultado obtido ante o Xirona, o estratego vigués igualou a menor porcentaxe de derrotas dun técnico do Lugo, co 25%; ou o que é o mesmo, unha de cada catro encontros. Albés leva dezaseis partidos co equipo branquivermello, ao que chegou na recta final da tempada pasada co complicado obxectivo de salvar ao equpo dun descenso que parecía imposible e que fiue capaz de conseguir na xornada final cunha gran vitoria no campo do Raio Vallecano. Dos encontros que leva como responsable técnico, todos eles de Liga , o Lugo só encaixou catro derrotas, e o seu balance complétase con sete empates e cinco vitorias.

Só outro adestrador asinou no Anxo Carro unha porcentaxe tan baixa de derrota. Foi Luis Milla na tempada 2015/2016, na que presentou a dimisión despois de 28 encontros, todos en Segunda División menos dúas en Copa do Rey . Eloy Jiménez, que estivo á fronte do Lugo ao termo da tempada 2018/2019 e boa parte da seguinte, completa o podio dos adestradores con menos partidos perdidos co Lugo, co 27,59 %.