Adrián Ben asina un histórico quinto posto na final dos 800 metros en Tokio

x.r.c. / I. Díaz Rolle VIGO

DEPORTES

O atleta de Viveiro modificou a súa táctica, atacou antes e marcou un tempo de 1:45.96, mellorando nun posto a súa clasificación no Mundial de Doha

04 ago 2021 . Actualizado ás 15:58 h.

Adrián Ben non só foi finalista olímpico de 800 metros o día do seu aniversario, senón que mellorou nun posto a súa posición no Mundial de Doha para entrar na quinta posición nunha final de corte táctico que gañou o kenyano Korir e na que o viveirense marcou un tempo de 1:45.96.

Ben variou un chisco a súa táctica habitual. Cando puido acceder á rúa libre quedou atrás. Pero sen perder en ningún momento o contacto co grupo de cabeza, que marchaba compacto.

l toque de campá, para a segunda e última volta, arrincaron os nove finalistas nun bloque compacto e nese momento Adrián comezou a progresar, mesmo se atreveu saír a cálea tres, pero como era de agardar, non foi o único que cambiou e a carreira apertouse.

Na recta final viu un oco, tirou da súa habitual valentía, e lanzouse para mellorar a súa posición e o premio á súa valentía foi o quinto posto, mellorando a posición de Doha. Un colofón de altura á súa magnífica actuación en Tokio. O ouro foi para Korir, a prata o seu compatriota Rotich e o bronce para o polaco Dobek.

Viveiro vibra co aniversario feliz de Adrián Ben

A súa familia e numerosos veciños alentaron ao viveirense desde os xardíns Noriega Varela durante a final olímpica de 800

A choiva que embazou a mañá en Viveiro deuse un respiro preto das 14 horas para ceder o protagonismo á tormenta Ben. A súa familia máis directa, algúns dos seus amigos próximos, os nenos que o toman como exemplo, antigos titores e numerosos veciños mostraron o seu cariño e trasladaron alento a Adrián durante a final olímpica de 800 metros que se celebraba en Tokio durante o día do seu 23 aniversario e foi seguida con máxima atención e ilusión en toda Galicia, con mención especial á concentración de apoio que se montou ante a pantalla dos xardíns Noriega Varela.

Os seus pais, Antonio e María José, e a súa irmá, Ana, estiveron en primeira liña para emocionarse coa última fazaña de Adrián Ben Montenegro (Viveiro, 1998) nos presentes xogos. «Está a competir cos gurús mundiais do atletismo mundial. Os que o coñecemos sabemos todo o traballo que hai detrás», explicou un proxenitor orgulloso que pronto verá na súa casa un diploma olímpico atrapado co esforzo dun viveirense valente na carreira decisiva, onde rematou quinto tras un primeiro 400 pausado e unha segunda metade infernal que coroou aos kenyanos Korir e Rotich, con bronce para o polaco Dobek. Tamén o australiano Bol coouse diante do mariñán, que marcou 1:45.96 na súa terceira aparición no Xapón. Conseguiu o complicadísimo reto que se puxo de mellorar o sexto posto no Mundial de Doha.

Na concentración que apoiou a Adrián desde o corazón de Viveiro sobrou ilusión e ata soñaron co podio no ataque decisivo dun viveirense que agradeceu os ánimos e prometeu seguir traballando para volver sentirse protagonista en París 2024. Coas emocións a flor de pel, tamén cantaron o «Aniversario feliz» para un rapaz que con 23 anos xa é unha lenda do atletismo español nos 800 metros e cuxo carisma conquistou aos seus veciños.