O soño do triplete do Athletic derivou en pesadelo para gatitos

DEPORTES

Julio Muñoz

O equipo de Marcelino, irrecoñecible respecto de hai un mes, bateuse entre a impotencia e a incomparecencia

18 abr 2021 . Actualizado ás 00:27 h.

Non contemplaba a historia balompédica española que un mesmo equipo puidese gañar o mesmo título dúas veces nun par de semanas. Talvez por iso o Athletic se mimetizó consigo mesmo para ilustrar unha partitura semellante. Pertrechado nun salvaxe exercicio de resistencia, pero incapaz de ofrecer case nada a cambio que inquietase ao rival. Apenas un intento de remate de Íñigo Martínez, en balón parado servido por Berenguer, e un golpeo mordido de Williams para encher media parte de resumo.

Cando nun equipo o máis destacado é a marxe de acerto das súas centrais, algo non está a funcionar ben. Outra vez, como ante a Real no mesmo escenario uns días atrás, Íñigo Martínez e Yeray —que só concedeu un esvarón afastado, ben auxiliado por Unai López— erixíronse en capitáns do aguante.

Máis nada que achicar auga

O Athletic marchouse ao asueto cun escuálido 18% de posesión. Na sala de máquinas, Unai e Dani Garcia pasáronse os minutos achicando auga. Incapaces de xerar unha alternativa, Munian despediuse ao descanso da final sen ter tocado a pelota en condicións. Nin sequera una desas puñaladas que Marcelino deseña á contra. O Atlhetic levou á pausa o marcador como miraxe. Que bastante foi. Entrou Vesga para sumar dúas pernas en sálgaa pero nada variou. Unai Simón encedió o piloto de alarma con tres intervencións case consecutivas ante Griezmann, Pedri e Busquets. A gabarra xa non flotaba.

Un equipo irrecoñecible

Do Athletic da Supercopa quedaba só o trofeo na vitrina. Griezmann deu o primeiro sopapo. O fútbol, ás veces, é só cuestión de tempo. Se a Real contemporizou cando se viu por diante, o Barcelona apertou cando viu á súa presa ferida. De Jong golpeou pronto a outra fazula. Marchouse Williams, co xesto descomposto. Marcelino cambiou a tres, un por liña, pero á gabarra xa só se lle vía a popa. Messi, en dúas patadas, encargouse de mandala ao fondo. O Atlhetic estaba feito cachizas.

A mágoa dos afeccionados do Athletic é non ter recoñecido ningunha das cualidades que presumían aos seus fai ben pouco tempo no momento decisivo da tempada. Coma se todas se evaporaran no último mes. Que o equipo viña dando síntomas de fraqueza, tanto no físico como no xogo, era unha realidade inquebrantable. O Athletic deixouse a sexta final de Copa, desde aquela última que gañou precisamente ao Barcelona hai 37 anos, nun exercicio entre a impotencia e a incomparecencia. Difícil dixerir en Lezama o final do conto. Unha tempada subliñada que remata con tachón. Non por perder, polo modo de facelo. O soño do triplete león derivou nun pesadelo para gatitos.